Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Localizada con vida a muller que buscaban dende onte en Gondomar

A Garda Civil comunicaba á primeira hora desta mañá ao 112 Galicia que a muller que levaba desaparecida dende onte en Gondomar foi atopada. Segundo indicaron, a muller foi atopada viva e no medio dun río e foi trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro.

Unha veciña da desaparecida foi quen, sobre as 23:00 horas da noite pasada, chamou ao 112 Galicia para alertar da súa desaparición. Indicaba que dende a noite do día anterior non  escoitara á súa veciña, no lugar de Vilas, en Morgadáns. Descartaba problemas de saúde salientables pero si nalgunha ocasión padecía problemas de orientación.

A partir de aí, deuse conta dos feitos á Garda Civil. Tamén os membros do GES e de Protección Civil de Val Miñor foron informados do suceso.

Ás 07:30 horas de hoxe, a Garda Civil comunicaba ao CIAE a localización da muller. 

Arde a cociña dun local de hostalaría en Vimianzo e unha panadería en Santa Comba

As lapas calcinaron por completo a cociña dun local de hostalaría situado á entrada da localidade coruñesa de Vimianzo, pola estrada da Coruña. Debido ao lume, caeron algúns falso teitos do inmoble pero, por fortuna, non houbo que lamentar danos persoais, iso si, o local e o resto do edificio víronse afectados polo fume.

Ás 05:15 horas desta madrugada un particular chamaba ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que lle ardía a cociña e que non había persoas afectadas. De inmediato, dende o CIAE alertouse aos Bombeiros de Cee e á Garda Civil. Así mesmo, solicitouse a colaboración dos efectivos de Protección Civil da localidade.

Unha vez extinguido, os Bombeiros procederon a ventilar o local.

Incendio nunha panadería
Un fallo eléctrico é a causa mais probable da orixe dun lume que se iniciou nun forno dunha panadería en Santa Comba. Segundo confirmaron os Bombeiros, ardeu por completo  o baixo que era utilizado como panadería, sen afectar á vivenda da parte superior do inmoble.

Pasados uns minutos das 19:30 horas da tarde pasada, un particular solicitaba ao 112 Galicia a intervención dos membros de extinción. Indicaba que lles estoupara o forno da cociña e que había moito fume no local, situado no lugar de Barbeira, na parroquia de Fontecada.

Ata o lugar, desprazáronse decontado os Bombeiros de Santa Comba que tras extinguir as lapas, ventilaron o local. A colaboración da Garda Civil e dos efectivos de Protección Civil tamén foi requirida polo 112 Galicia.