Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Resulta ferida unha condutora tras bater co seu vehículo contra varias árbores en Lousame

Unha condutora tivo dificultades para saír do seu vehículo despois de bater contra varias árbores cando circulaba pola estrada de Boiro á Cima Redondo, ao paso polo concello coruñés de Lousame.

Foi a propia implicada no accidente quen contactou co 112 Galicia ás 6:45 horas desta madrugada para pedir axuda debido a que tiña as portas bloqueadas e sufría diversas lesións. Deste xeito, os xestores do 112 pediron a colaboración dos profesionais sanitarios e dos Bombeiros de Boiro, que, cando chegaron ao lugar do sinistro, a muller atopábase xa fóra do turismo. Segundo sinalaron, foi un familiar quen ante a chamada da alerta da ferida acudiu a socorrela. 

Non obstante, os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Boiro puideron comprobar que o vehículo saíuse da vía e foi chocando contra varias árbores ata a súa detención definitiva. Así, as portas do turismo quedaron bastante danadas, o que impedía á muller poder saír.

Bate contra unha casa en Cuntis
Por outra banda, o 112 Galicia tivo constancia doutro sinistro en Cuntis, no que unha persoa resultou ferida tras chocar contra unha casa co seu turismo. Sucedeu ás 21:20 horas de onte no Lugar de Guldrigáns, á altura do número cinco. 

Como consecuencia do impacto, o condutor sufriu lesións de diversa consideración, polo que foi evacuado por unha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias ao Hospital Domínguez de Pontevedra.

Derriba un poste en Tomiño
Por último, cómpre sinalar que na tarde de onte rexistrouse un novo accidente en Tomiño que se saldou cunha persoa ferida e causou varios danos materiais no mobiliario urbano. Tratouse dun vehículo que se saíu da vía e derribou un poste do alumeado público, polo que tiveron que intervir os técnicos a empresa subministradora da enerxía eléctrica. 

O sinistros produciuse ás 18:45 horas de onte na PO-344, a estrada de Gondomar a Tomiño.

Falece unha muller rescatada da auga en Vilagarcía

Unha muller faleceu onte en Vilagarcía despois de ser rescatada da auga polos socorristas da Praia Compostela. Así o indicaron varios bañistas que chamaron ao 112 Galicia pouco antes da oito da tarde de onte para dar conta do sucedido.

Así, desde o 112 Galicia, avisouse ao 061-Urxencias Sanitarias, que indicaron que a persoa entrara en parada cardiorrespiratoria e, pese aos intentos por reanimala, nada puideron facer por salvarlle a vida.

Ademais, dos servizos sanitarios de urxencia, os xestores do 112 pediron a colaboración das forzas da orde e dos membros do Servizo Municipal de Emerxencias.