Boletín Informativo das 09:00 horas do día 10/08/2018 | Axega

Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Trasladadas dúas persoas con queimaduras ao incendiarse a súa casa en Paderne

Un incendio nunha casa deixou a pasada tarde dúas persoas –pai e fillo- feridos con  queimaduras e a vivenda calcinada por completo.

Sucedeu no lugar de Gas, á altura do número 33, ao fío das 16:45 horas. Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para informar da situación.

Dende o CIAE 112 Galicia requiriuse a intervención do 061-Urxencias Sanitarias, da Garda Civil, dos Bombeiros de Betanzos e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.

Segundo informou persoal sanitario ao 112 Galicia  unha das persoas foi trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e a outra ao Punto de Atención Continuada da localidade.

As Forzas da Orde tratan de esclarecer as causas da orixe do lume.

Familia afectada
Tamén, esta madrugada,  minutos antes das 04:00 horas, persoal sanitario informaba ao CIAE dun incendio nunha vivenda da Avenida de Finisterre, na cidade da Coruña. Tras o aviso, os xestores do 112 Galicia solicitaron decontado a intervención dos Bombeiros da cidade e, ademais, informaron á Policía Nacional.

Persoal sanitario comunicou ao 112 Galicia que ningún dos cinco membros da familia –dous adultos e tres menores- precisaron ser trasladados, sen embargo,  si foron atendidos polos profesionais sanitarios no mesmo lugar debido á inhalación do fume que provocaron as lapas. 

Ilesas as corenta persoas evacuadas ao encaiar a embarcación coa que navegaban en Outes

Os tripulantes dun barco de liña regular foi evacuada a pasada tarde despois de que encaiase a embarcación coa que navegaban na ría de Noia. En total foron corenta persoas as evacuadas, dez polos socorristas da praia de Broña e trinta pola embarcación da confraría.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, ningunha persoa precisou asistencia médica nin tampouco se produciu vertido de ningún tipo.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ás 19:40 horas da pasada tarde a través da chamada dos socorristas da praia de Broña, na que poñían en coñecemento da evacuación realizada.

A partir de aí, dende o CIAE 112 Galicia se informou a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia.