Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Perde a vida un sexaxenario e outra persona resultou ferida a causa dun accidente de tráfico rexistrado en Chantada

Un home duns sesenta anos faleceu onte tras producirse unha colisión frontal entre dous turismos na N-640, entre o Polígono Industrial e o centro urbano de Chantada.

Ademais, no accidente resultou ferida outra persoa, a ocupante do outro vehículo implicado, que foi evacuada ao centro hospitalario de referencia.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o sinistro rexistrouse ás 21:30 horas de onte, cando os dous coches bateron de fronte e a vítima mortal quedou atrapada. Por iso, desde o 112 Galicia, solicitouse a intervención dos Bombeiros de Chantada para liberar ao home, pero nada se puido facer por salvarlle a vida. 

Ademais dos efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Chantada, ao lugar do accidente acudiron os servizos sanitarios de urxencia, que só puideron confirmar o falecemento do home e trasladaron á ocupante do outro turismo para sometela a un recoñecemento médico.

Por outra banda, desde o 112 Galicia, pediuse a colaboración do persoal de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento con fin de retirar os restos que quedaron do accidente e restablecer as condicións de seguridade na vía.

Unha muller, ferida de consideración ao ser atropelada por un tren no Porriño

Unha muller foi evacuada onte ao Hospital Álvaro Cunqueriro de Vigo para ser tratada das lesións provocadas polo golpe dun tren no Porriño.

Foron varias as persoas que, pasadas as dez da noite de onte, se puxeron en contacto co 112 Galicia para pedir asistencia médica urxente para a muller, que foi alcanzada por un convoi á altura dun paso a nivel da Avenida de Bos Aires.

Decontado, o persoal do 112 informou aos servizos sanitarios de urxencia, que atenderon á ferida con diversas fracturas, aínda que consciente.

Ademais, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, solicitouse a intervención dos axentes da Policía Local e informouse ao centro de seguridade de ADIF e á Garda Civil co fin de coñecer as circunstancias do suceso.

Unha vez trasladada a muller, o tren reanudou a marcha e o tráfico ferroviario reactivouse novamente.

 

 

Arde por completo a nave de Castañas Barredo en Rubiá

Un incendio calcinou por completo a nave de Castañas Barredo, en Rubiá, sen que se rexistrasen persoas feridas.

O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso ás 18:30 horas da tarde de onte mediante as chamadas de alerta do persoal da empresa e dos veciños, que contactaron co servizo de emerxencias alarmados polas chamas perceptibles desde diversos puntos. Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, activouse un operativo no que participaron os Bombeiros do Barco de Valdeorras e Monforte e os membros do GES de Valdeorras. Tamén se solicitou a colaboración do persoal de extinción de incendios da Consellería do Medio Rural, que achegaron material para a extinción.

Por fortuna, ninguén resultou ferido e tampouco se viu afectada a contorna da nave, na que se concentra zona arborada e outras naves industriais, que quedaron a salvo do lume. Non obstante, as chamas devoraron por completo a nave de Castañas Barredo, composta por diversos departamentos para o secador e procesamento dos seus produtos.

Convén sinalar que a elevada carga de combustión alcanzada polo incendio prolongou o traballo dos efectivos de extinción, malia a que lograron confinar o lume arredor das oito da tarde de onte. Con todo, non foi ata a unha e media da madrugada cando deron por extinguido o lume, aínda que permaneceu un retén durante unhas horas máis para maior seguridade. 

Igualmente, indicar que mentres duraron os traballos de extinción, foi necesario interromper o tráfico polas vías de acceso debido á caída de restos da construción. Así, co fin de regular a circulación na zona, pediuse a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Incendio nunha vivenda en construcción en Ames
Por outra banda, no concello de Ames, concretamente no Lugar de Carballo, rexistrouse outro incendio que afectou á parte baixa dunha vivenda en construción onde se almacenaba herba seca. Por fortuna, ninguén resultou ferido e, ademais, a casa está totalmente illada o que impediu a propagación do lume.

O 112 Galicia tivo coñecemento do incendio pouco antes das dez da noite de onte a través dos axentes da Policía Local da localidade e, decontado, activouse o operativo no que participaron os Bombeiros de Boiro, membros do GES de Brión e voluntarios de Protección Civil de Ames.

A cantidade de herba seca acumulada no baixo da casa fixo que os traballos de extinción se prolongasen ata as seis desta madrugada.