Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Máis dun milleiro de aves resultaron feridas e algunhas morreron tras sufrir un accidente o camión que as transportaba

Un camión cargado con máis dun milleiro de aves saíuse da vía esta madrugada en Pantón.

Como consecuencia do impacto, moitos animais morreron, outros resultaron feridos e moitos deberán ser sacrificados debido ás graves lesións que sufriron.

O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso ás 5:30 horas desta madrugada tras recibir unha chamada de alerta do propio condutor do camión que informaba do accidente. Indicou que o vehículo que manexaba, cargado cun milleiro de pavos, saíuse da vía e quedou parado no medio da N-120, ao paso pola parroquia de Atán. Nun primeiro momento, rexeitou a asistencia médica, pero pouco despois outro condutor que pasaba por alí chamou de novo para pedir unha ambulancia. Apenas presentaba algunhas lesións na boca e queixábase de dor nas costas.

En canto á carga, máis dun milleiro de aves, moitas morreron, outras sobreviviron e algunhas resultaron mal feridas polo que terán que ser sacrificadas. Para iso, será necesaria a intervención de persoal especializado, tal e como indicaron os axentes da Garda Civil de Tráfico desprazados no lugar do accidente.

Cinco persoas feridas en accidentes rexistrados en Vigo e Bergondo
Por outra banda, cinco persoas resultaron feridas de diversa consideración a causa de senllos accidentes múltiples rexistrados en Vigo e Bergondo. O primeiro sucedeu ás 21:00 horas de onte na N-VI, á altura de Guísamo (Bergondo). Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, tres vehículos colisionaron e, como consecuencia do impacto, dúas persoas tiveron que ser evacuada e outra acudiu ao centro médico polos seus propios medios.

Media hora despois, o 112 recibía unha chamada de alerta doutro sinistro con tres coches implicados e un autobús que bateron na Avenida de Florida, fronte ao número 136. Para socorrer a unha das persoas afectadas que permanecía no interior do coche envorcado, o persoal do 112 pediu a colaboración dos Bombeiros de Vigo. Sen embargo, descartaron actuar en canto comprobaron que o ferido estaba liberado e accesible para os servizos sanitarios de urxencia. Finalmente, dúas persoas tiveron que ser trasladadas ao centro hospitalario de referencia.

Unha persoa resultou intoxicada tras inhalar fume dun incendio orixinado na súa vivenda

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron esta madrugada a unha persoa que resultou intoxicada debido ao fume provocado por un incendio na súa vivenda.

Ocorreu ás 5:30 horas da madrugada nun domicilio da Ronda de Outeiro, na Coruña. Foi un veciño quen, ao detectar fume nas escaleiras do edificio, contactou co 112 Galicia para pedir axuda. Decontado, informouse aos bombeiros da cidade, que localizaron a orixe do incendio nun colchón no interior dunha das vivendas.

Pola súa banda, o equipo do 061-Urxencias Sanitarias que acudiu ao lugar trasladou a unha persoa que resultou afectada pola inhalación de fume.

Un teléfono móbil causa un incendio en Poio
Tamén no concello pontevedrés de Poio rexistrouse outro incendio provocado por un teléfono móbil. Ocorreu ás 6:20 horas desta madrugada, cando os ocupantes da vivenda sentiron un estouro e inmediatamente comezou a arder un móbil enchufado á rede eléctrica para renovar a carga. O incendio colleu magnitude e arrasou un sofá e afectou ao resto da vivenda debido á nube de fume que se formou. Por fortuna, ninguén resultou afectado.

Tras recibir a alerta, o persoal do 112 Galicia pediu a colaboración dos Bombeiros de Ribadumia, Pontevedra e membros do GES de Sanxenxo que se dirixiron ao domicilio situado no lugar de Valiña para sufocar o lume. No operativo tamén interviñeron os axentes da Garda Civil e os voluntarios de Protección Civil de Poio.