Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Excarcerada unha persoa despois de colidir un camión e un coche en Ponteareas

Un choque entre un camión –baleiro- e un coche deixa unha persoa ferida de consideración.

Ademais, debido ao impacto, foi precisa a intervención dos Bombeiros  para liberar ao ferido e atrapado no interior dun dos vehículos.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do accidente, ás 07:00 horas desta mañá, grazas a un particular que chamou para pedir axuda. No seu relato, indicaba que se acababa de producir un accidente na N-120, no punto quilométrico 650, á altura de Xinzo, en Ponteareas. Advertía, ademais, dunha persoa ferida grave e atrapada  no interior nun dos vehículos.

De inmediato, dende o 112 Galicia púxose en alerta ademais de aos servizos sanitarios de urxencia e Bombeiros de Ponteareas, aos Bombeiros de Porriño e de Vigo.  De igual modo, informouse dos feitos á Garda Civil de Tráfico, Policía Local e aos membros das agrupacións de Protección Civil de Porriño e Ponteareas.

Nada mais liberar á persoa,  os profesionais do parque  de Ponteareas confirmaron que a persoa ía ser trasladada en ambulancia polos técnicos sanitarios. 

Trasladado un bebé en Ames por inhalación de fume despois de producirse un incendio na súa vivenda a causa dunha prancha

Un bebé de 11 meses foi trasladado, por precaución, ata o Centro de Saúde de Bertamiráns debido ao fume que provocou unha prancha ao prender nunha peza de roupa.

O lume orixinado foi apagado coa axuda de extintores polos testemuñas que presenciaron o incendio na vivenda situada na Avenida da Mahía, en Bertamiráns, no concello coruñés de Ames. Así o explicaron os membros do GES de Brión, que acudiron ao lugar nada mais ser alertados polo 112 Galicia.

Ao fío das 20:30 horas da noite pasada, unha persoa particular informaba dun incendio na casa dunha veciña, a causa dunha prancha que quedara acesa. Aseguraba que non había persoas feridas pero que a dona trataba de apagar o lume con extintores. Ademais,  había un bebé no interior da vivenda.

A partir de aí, os xestores do 112 Galicia alertaron decontado aos membros do GES que nada mais chegar e aínda que o lume xa fora apagado, solicitaron, por precaución,  asistencia sanitaria para o bebé, debido ao fume que provocara o incendio en toda a casa.

Ademais de alertar ao GES de Brión, dende o 112 Galicia informouse do acontecido aos Bombeiros de Boiro e de Santiago e á Policía Local.

 

 

O GALI intervén para que os residuos dun depósito de gasóleo nun baixo anegado cheguen ao Río, en Oleiros

O Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) impediu que os residuos de gasóleo espallados e procedentes dun depósito que se  almacenaba nun baixo anegado, chegasen ao Río.

Pasaban uns minutos das 22:30 horas da noite pasada, cando un particular informaba ao 112 Galicia de que tiña o soto da casa, situada na Rúa da Xenza, en Liáns, Oleiros, anegado por mor da auga procedente do alcantarillado.

Con estes datos, dende o 112 Galicia informouse  aos Bombeiros de Arteixo, Policía Local e aos efectivos de Protección Civil. Tras chegar á vivenda, os servizos de emerxencia comprobaron que eran precisos medios de contención debido a que, na mesma, había un tanque duns 800 litros  de gasóleo que se estaba derramando.  Así, tras poñer os feitos en coñecemento do persoal do Concello e do Servizo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e despois de valorar a situación, para evitar que o verquido chegase ao río, desprazouse ata o lugar o equipo do Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) con material absorbente.

Finalmente, sobre as 06:00 horas de hoxe, persoal do GALI e os Bombeiros comunicaban ao 112 Galicia o remate da intervención. A fuga quedara neutralizada e os residuos recollidos nun bidón, á espera de ser retirados polos técnicos cualificados.