Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Evacuado en estado grave un ciclista atropelado en Santiago

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron esta mañá a un ciclista que resultou ferido grave despois de ser alcanzado por un turismo no lugar da Barciela, en Santiago.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo coñecemento do suceso ás 9:30 horas de hoxe mediante a chamada dun veciño que solicitou asistencia médica urxente para un ciclista atropelado. Como consecuencia do impacto, o ferido caeu nunha arqueta e sufriu lesións de carácter grave. Así, foi evacuado nunha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias ao complexo hospitalario de referencia. 

Desde o 112 Galicia tamén se informou aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos bombeiros da cidade, aínda que a persoa estaba accesible.

Tres feridos no Carballiño
Por outra banda, o CIAE 112 Galicia rexistrou esta mañá outro accidente na Avenida de Compostela, no Carballiño, no que resultaron feridas tres persoas. Tratouse dun vehículo que bateu contra outro que estaba estacionado. 

Para a atención dos feridos, acudiron ao lugar do feitos os profesionais do 061-Urxencias Sanitarias, ademais dos axentes da Policía Local e os efectivos do Servizo Municipal de Emerxencias do Carballiño.     

Localizado un home que buscaban desde onte en Becerreá

Un home que facía deporte polo monte atopou a un veciño de Becerreá que a familia buscaba desde onte.

Foi o deportista quen ás 11:00 horas desta mañá se puxo en contacto co 112 Galicia para solicitar asistencia médica para o home que apareceu ao final do Camiño de Vilar desorientado. Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias, alertouse ao 061-Urxencias Sanitarias que enviou á zona o helicóptero medicalizado con base en Ourense.

Tamén contactou co 112 a familia do home, que aclarou que o estaba buscando desde onte, tal e como se informou ás forzas de seguridade.