Boletín Informativo das 13:00 horas do día 10/08/2018 | Axega

Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Un accidente laboral deixa un traballador ferido de gravidade en Rubiá

Un mergullador resultou ferido de consideración esta mañá cando realizaba o seu traballo nunha canteira situada na N-536,  no concello ourensán de Rubiá.

Ao fío das 10:30 horas, unha persoa particular pedía axuda ao 112 Galicia. Indicaba que estaban sacando da auga a un home que se atopaba traballando na canteira.

Decontado, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia requiriuse a intervención do persoal sanitario, que tras valorar a situación, mobilizaron o helicóptero medicalizado con base en Ourense.   De igual xeito, solicitouse a colaboración dos membros do GES de Valdeorras e da Garda Civil.

O mergullador, que pertence a unha empresa que traballa para a Subestación Eléctrica de Cornatel, foi trasladado na aeronave do 061 ao Hospital de Ponferrada. 

Tres persoas trasladadas en Boiro, dous menores e un adulto, despois de saírse da vía o vehículo no que viaxaban

Unha muller e os seus dous fillos resultaron feridos esta mañá despois de saírse da vía o vehículo no que viaxaban.

O accidente ocorreu sobre as 11:00 horas desta mañá cando o vehículo que circulaba á altura do lugar de Triñáns, en Abanqueiro, saíuse da vía e chocou contra o muro dunha casa. Así o indicaron os Bombeiros de Boiro, que acudiron ao punto nada mais ser alertados polo 112 Galicia. Así mesmo, segundo o seu relato, os  tres ocupantes estaban fora do vehículo polo que non foi preciso o uso do material de excarceración.

Tras recibir a alerta, os xestores do CIAE puxeron os feitos en coñecemento do persoal sanitario do 061, dos axentes de Tráfico, dos Bombeiros e dos efectivos de Protección Civil.