Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Falece un operario despois de envorcar o camión que conducía en Laza

Un operario faleceu esta mañá en Laza despois de envorcar o  camión -bañeira que manexaba.

Segundo datos facilitados ao 112 Galicia, o home, no momento de producirse o accidente, realizaba o seu traballo no túnel do vertedoiro, situado na estrada que une as localidades de Laza e Vilar de Barrio.

Foi unha persoa particular, quen, ao fío das 11:00 horas alertou ao 112 Galicia. Indicaba que acababa de envorcar unha bañeira có home atrapado no seu interior. A partir de aí, os xestores do 112 puxeron en marcha un operativo no que participaron ademais  dos servizos sanitarios, Bombeiros de Verín, membros do GES de Laza e os axentes da Garda Civil. Ata o lugar, tamén se desprazou o helicóptero medicalizado con base en Ourense, que tomou terra no mesmo lugar onde ocorreron os feitos.   

Os bombeiros, unha vez no lugar, ademais de confirmar o falecemento do traballador, indicaron que ían a proceder coa excarceración, ao quedar –o traballador- atrapado no interior da cabina do vehículo. Sinalaron, tamén, que se trataba dun camión –bañeira das obras do AVE que, neses intres, recollía escombros e baleirábaos no vertedoiro das propias obras.  

A esta hora, os servizos de emerxencia continúan coas súas tarefas no lugar do suceso.