Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

O equipo da AXEGA colabora coa Garda Civil na busca dun septuaxenario desaparecido en Silleda

O equipo da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) súmase ao operativo de busca activado pola Garda Civil por mor dun home duns setenta anos desaparecido do seu domicilio na parroquia silledense de Saídres.

Os drons da AXEGA peinaron esta mañá a zona para tratar de localizar ao septuaxenario que falta da súa casa desde as sete da tarde de onte.

O 112 Galicia recibiu a información ao redor das nove da noite de onte despois de que a familia puxese o caso en coñecemento da Garda Civil. A partir dese momento, os axentes puxeron en marcha un operativo de busca co fin de dar co paradoiro deste veciño de Saídres que padece algúns problemas de saúde.

Ademais do equipo da AXEGA, no operativo están a colaborar membros do GES e voluntarios de Protección Civil dos concellos lindeiros, isto é, Lalín, A Estrada e Agolada. Igualmente, desde as últimas horas sumáronse os cans de rescate da Garda Civil de Ourense.

Malia ás condicións climáticas, os drons da AXEGA puideron sobrevoar a zona mais con resultado negativo ata este momento.