Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Un incendio nun camión dificulta a circulación na A-52, ao paso por Allariz

Un lume declarado no eixo traseiro das rodas dun camión ocasionou dificultades na circulación pola A-52, ao paso pola localidade ourensá de Allariz, concretamente en Requeixo de Valverde.

Por fortuna, ninguén resultou afectado e, segundo indicaron os bombeiros de Xinzo, o incendio foi xa sufocado. Igualmente, os efectivos de extinción permanecerán no punto debido á localización dun punto de calor aínda activo nunha das rodas traseiras.

A alerta sobre este incendio activouse no 112 Galicia pasadas as seis desta tarde, logo de recibir a chamada dun condutor que pasaba por alí e viu como o camioneiro trataba de apagar o lume cun extintor sen éxito. Deste xeito, os xestores do 112 informaron decontado aos bombeiros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Xinzo para facer fronte ás lapas.

Cómpre sinalar tamén que a carga do camión, fundamentalmente granito, resultou intacta.

Arestora, os servizos de emerxencias e os axentes de seguridade da Garda Civil de Tráfico continúan traballando no punto. 

Cae un vehículo á praia en Nigrán
Por outra banda, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia recibiu ás 14:50 horas de hoxe unha chamada de alerta por mor dun vehículo que caeu sobre o Areal de Madorra, en Nigrán. 

Como consecuencia do impacto, a condutora resultou ferida, aínda que de carácter leve. Igualmente, a muller puido saír do turismo polos seu propios medios, polo que descartouse a intervención do equipo de excarceración. 

Non obstante, ao lugar do accidente acudiron os membros do GES do Val Miñor e os profesionais do 061-Urxencias Sanitarias.