Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Cinco persoas feridas nunha colisión entre tres coches en Catoira

Unha colisión entre tres coches ocorrida esta tarde en Catoira saldouse con cinco persoas feridas, entre elas dous nenos. O accidente ocorreu no punto quilométrico 11 da PO-548.

O 112 Galicia tivo constancia do sinistro ás 17:15 horas a través da chamada dunha persoa particular, na que sinalaba que ningunha das persoas accidentadas se atopaba atrapada.

A partir de aí, dende o CIAE 112 Galicia se informou ao 061-Urxencias Sanitarias, que mobilizou ao helicóptero medicalizado con base en Santiago ata o lugar do accidente. Ademais, os xestores do 112 Galicia pasaron o aviso a Protección Civil de Vilagarcía, aos Bombeiros de Vilagarcía, á Policía Local de Vilagarcía e Catoira, ao GES de Valga e á Garda Civil de Tráfico.

Rescatados ilesos oito menores despois de que a embarcación coa que navegaban envorcase en Valdoviño

Oito menores foron rescatados ilesos esta tarde en Valdoviño tras envorcar no mar a barca coa que navegaban. Sucedeu na zona de Barra, ao fío das 14:50 horas.

Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para dar conta dos feitos. Indicaba no seu relato que estaban sendo levados pola corrente.

Acto seguido, dende o CIAE 112 Galicia se puxo a situación en coñecemento do Servizo de Gardacostas de Galicia e de Salvamento Marítimo, que mobilizou o helicóptero Pesca-II e unha embarcación na que foron rescatados os oito menores.

Tamén, o persoal do 112 Galicia requiriu a intervención da Garda Civil, da Policía Local e das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Valdoviño e Cedeira. Do mesmo xeito, se informou do ocorrido ao 061-Urxencias Sanitarias.

Finalmente, os menores rescatados foron levados na embarcación de Salvamento Marítimo ao porto de Cedeira.

Un incendio nunha obra dun edificio en Noia provoca danos materiais

Un incendio declarado na obra dun edificio en Noia deixou danos materiais no inmoble, sen que ningunha persoa resultase ferida. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, ardeu unha malla da obra e os tubos de baixada de cascallo. Ademais, estouparon as fiestras do edificio en reformas.

Os feitos ocorreron na rúa de Paraguai, á altura do número 18, ao fío das 16:30 horas. Varias persoas particulares alertaban do incendio ao 112 Galicia e, decontado, o persoal do 112 Galicia pasou o aviso aos Bombeiros de Boiro, a Protección Civil, á Policía Local , ao GES de Brión, á Garda Civil e ao 061-Urxencias Sanitarias.