Escuchar
martes, 15 Maio, 2018

O home que faltaba dende onte da súa casa no concello lucense do Valadouro foi atopado esta mañá –falecido- nun acantilado en Cangas de Foz. Así o indicaron os efectivos de Protección Civil ao 112 Galicia, sobre as 10:30 horas.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do suceso sobre as 21:30 horas da noite pasada. Foi o propio fillo do desaparecido quen indicou ao 112 Galicia que se atopaban na procura de seu pai, que faltaba da casa dende o mediodía dese mesmo día. Tras pasar aviso aos axentes da Garda Civil decontado se puxo en marcha un dispositivo de busca ata ben entrada a madrugada,  no cal participaron ademais dos familiares e veciños,  efectivos de Protección Civil da localidade e do GES de Cervo. Tamén, Salvamento Marítimo foi alertado do suceso.

Á primeira hora desta mañá, membros de Protección Civil informaban ao 112 Galicia que se retomaba o operativo de busca, coordinado pola Garda Civil. Tamén indicaron que despois de facer diversas indagacións puideron  comprobar que o home tomara un taxi na Praza do Valadouro con destino a Cangas de Foz, polo que hoxe, rastrexarían esa zona. Un helicóptero da Garda Civil tamén se sumaría ao dispositivo de busca.

Finalmente, o corpo do home foi atopado nun acantilado pola parte de atrás da Igrexa, en Cangas de Foz. Aínda que se atopaba nunha zona de difícil acceso, o helicóptero da Garda Civil rescatou o corpo do señor sen ser precisos os medios de rescate marítimos.

Unha vez rescatado o cadáver foi trasladado a terra á espera dos medios forenses.