Boletín informativo das 09:00 horas do día 11/01/18

xoves, 11 Xaneiro, 2018 - 09:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Os bombeiros sufocaron un lume provocado pola caída dun raio nunha vivenda de Moaña

Os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento do Morrazo sufocaron esta noite pasada un lume orixinado a causa dun raio que caeu sobre unha vivenda situada no concello pontevedrés de Moaña.

Segundo a información facilitada ao 112, o incendio produciuse pouco despois das dez da noite nun domicilio situado na Rúa da Moca. O lume afectou a un radiador e parte da tarima flotante, o que provocou unha intensa fumareda que invadiu toda a vivenda.

Por iso, os axentes da Policía Local, que foron os primeiros en chegar ao domicilio, solicitaron ao persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia a intervención dos bombeiros.

Por fortuna, ninguén resultou afectado e unha vez sufocado o lume e ventilada a vivenda, os bombeiros volveron á súa base.

 

Ardeu unha furgoneta tras saírse da vía en Punxín

Unha furgoneta ardeu por completo esta noite despois de saírse da vía e caer por un desnivel no lugar de Vilela, no concello ourensán de Punxín.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia rexistrou o accidente ás 22:30 horas de onte, concretamente, na OU-0303, que une Freás con Maside .

Segundo relataron as testemuñas do accidente, o vehículo saíuse da vía e precipitouse por pequeno desnivel para acabar envolta nas lapas.

Pola súa banda, os ocupantes abandonaron a furgoneta polos seus propios medios, pero necesitaron asistencia médica. Por iso, desde o 112 Galicia, pediuse a colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias.

Tamén interviñeron os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento do Carballiño, que se ocuparon da extinción do lume.

Cinco feridos leves en Tomiño
Ademais, o CIAE 112 Galicia atendeu na tarde de onte un accidente de tráfico no que se viron implicados tres turismos. Como consecuencia do impacto, cinco persoas tiveron que ser atendidas polos servizos sanitarios de urxencia, aínda que todos presentaban lesións de carácter leve.

O sinistro produciuse minutos despois das oito da tarde de onte na estrada de Goián á Guarda, ao paso polo concello pontevedrés de Tomiño.