Escuchar

A Axega activa o ARIEM 112 para a busca dun home no Río Miño que falta dende o pasado sábado

A Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), a través do CIAE 112 Galicia, activou á primeira hora desta mañá o protocolo de colaboración transfronteiriza en caso de emerxencia, ARIEM 112, para tratar de localizar a un home que buscan dende o pasado sábado na parte portuguesa do Río Miño. Ademais, unha Unidade Operativa de Drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) tamén se dirixe nestes intres cara a Praia Fluvial de Celas, en Arbo,  para participar no operativo.

En canto aos medios españois mobilizados, no operativo participa unha embarcación da Garda Civil e un equipo de buzos e dúas embarcacións e un equipo de buzos da Armada.

Desaparecido en Verín
Os membros do Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) colaboraron onte coa Garda Civil mediante o emprego de drons, na procura do septuaxenario desaparecido en Verín desde o pasado xoves.

Ata o de agora o resultado foi  negativo.  Axentes da Policía Local e efectivos de Protección Civil ademais de familiares e veciños do desaparecido tamén forman parte do dispositivo.   

 

Apagado un incendio que calcinou por completo o interior dunha nave en Oza-Cesuras

Os servizos de extinción traballaron arreo durante toda a noite para apagar un lume nunha nave no lugar de Muruxeres, Rodeiro, no concello coruñés de Oza –Cesures. Pasadas as 07:00 horas desta mañá os Bombeiros de Betanzos comunicaban ao 112 Galicia que se tratou dunha nave na que se almacenaba maquinaria e moita  palla. Ardeu o interior do inmoble na súa totalidade, dúas plataformas de tráileres, dous tractores e moita palla. A estrutura do inmoble non  se viu afectada, sen embargo,  si afectou ao tellado de uralita.  

Eran as 18:50 horas da tarde pasada cando o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia recibiu a chamada dun alertante. Indicaba que vían lume nunha palleira pero non sabían o que ardía.

Nada mais recibir a alerta, o CIAE puxo en marcha un operativo no que ademais dos Bombeiros de Betanzos, participaron os efectivos do GES de Curtis e os membros de extinción de Ordes. Así mesmo, solicitouse desde o CIAE a colaboración dos axentes da Garda Civil e do persoal do Concello, que mobilizaron unha pala para remover a palla que había acumulada.

O lume quedou totalmente extinguido.