Boletín informativo das 09:00 horas do día 14/02/18

mércores, 14 Febreiro, 2018 - 09:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Morre o condutor dun coche en Maside tras saírse da vía co seu vehículo

Un home perdeu a vida a noite pasada ao saírse da vía co vehículo que conducía e caer por un barranco. Sucedeu ás 22:00 horas no lugar de Dacón, concretamente na parroquia masidá de Amarante.

Como consecuencia do impacto, o condutor quedou, ademais, atrapado no interior do coche, polo que tiveron que intervir os efectivos do parque de bombeiros do Carballiño.

Con todo, unha vez excarcerado, os profesionais do 061-Urxencias Sanitarias soamente puideron confirmar o falecemento do condutor.

Foron varias as testemuñas do accidente que se puxeron en contacto co 112 Galicia para pedir axuda. Todos coincidían en sinalar a gravidade do impacto e a situación do condutor atrapado no interior do turismo.

Accidente na Autovía do Barbanza
Por outra banda, outro vehículo saíuse da vía e bateu contra a mediana a última hora de onte cando circulaba pola Autovía do Barbanza.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o sinistro produciuse ás 21:30 horas no punto quilométrico 30 en sentido a Ribeira e as persoas que viaxaban no interior resultaron feridas.

Ademais, a causa do impacto, o carril dereito permaneceu cerrado ao tráfico mentres duraron os labores para a retirada dos danos provocados polo accidente e o restablecemento das condicións de seguridade na vía.

Atropelo en Santiago
Por último, cómpre sinalar que un peón foi alcanzado por un turismo nas inmediacións da Residencia da Condesa.

Segundo informou un particular ao 112 Galicia, o accidente produciuse ás 21:30 horas de onte e urxía a presenza das forzas de seguridade ante a posibilidade de que o condutor do turismo continuase a marcha.

Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 de Galicia pediuse a colaboración da Policía Local, que enviou unha patrulla ao punto.

Tamén foron informados os profesionais do 061- Urxencias Sanitarias para a atención da persoa ferida.