Escuchar

Un accidente entre dous microbuses e un coche deixa un  ferido en Ourense

Unha persoa resultou ferida esta mañá en Ourense despois de chocar o seu turismo contra dous autobuses.

Nos dous autobuses –de liña- viaxaban, nun deles 10 pasaxeiros e no outro, un total de 16 persoas. Por fortuna, ningún dos pasaxeiros resultou ferido. Así o relatou un dos condutores ao 112 Galicia. Indicaba que o accidente se producira sobre as 08:00 horas, á altura do Ceboliño, na  OU-536. Explicaba que o condutor do turismo batera contra o seu autocar e ao mesmo tempo contra outro autobús, que tamén circulaba nese momento por dita estrada.

Tras recibir a chamada do alertante, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia avisaron decontado ao persoal do 061-Urxencias Sanitarias e aos axentes de Tráfico. Ademais, informouse aos Bombeiros e aos efectivos de Protección da cidade.

A esta hora, os servizos de emerxencia continúan traballando  no lugar dos feitos. 

Accidente en Ames
Por outra banda, o CIAE tivo constancia a tarde pasada dun accidente  entre dous turismos no lugar de Quistiláns, na parroquia de Bugallido do concello coruñés de Ames. Segundo informou o alertante, un dos implicados continuou a marcha e unha muller (outra implicada) resultou ferida.

Tras recibir a chamada do alertante, ao fío das 18:30 horas, alertouse ademais de ao persoal sanitario, á Garda Civil de Tráfico e aos efectivos do GES de Brión e de Protección Civil de Ames. Así mesmo, informouse da situación aos Bombeiros de Santiago de Compostela.

A ferida foi trasladada nunha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias ao centro hospitalario de referencia. 

 

Trasladada unha muller con queimaduras nunha man en Burela ao tratar de apagar un lume na cociña da súa vivenda

Unha muller sufriu queimaduras nunha man mentres trataba de apagar as lapas provocadas por unha tixola que quedara ao lume. A afectada -propietaria da vivenda- foi quen, sobre as 20:15 horas da tarde pasada, chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que se lle incendiara a campá extractora da cociña, na Rúa Pardo Bazán, en Burela e que non era capaz de apagala.

Con estes datos, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia informou aos Bombeiros de Barreiros. Do mesmo xeito, puxo en alerta aos membros do GES de Cervo, da Policía Local e aos efectivos de Protección Civil.

Tras chegar ao punto, a Policía Local comunicou que o lume xa fora extinguido coa axuda dun extintor. Aínda así, os Bombeiros continuaron igualmente ata o lugar. Ardeu a campá extractora na súa totalidade sen afectar a nada mais.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, a afectada foi trasladada  ao Centro de Saúde da localidade. 

Arde cociña en Piñor
En Piñor (Ourense), un incendio nunha vivenda mobilizou onte aos servizos de emerxencia. Ardeu a cociña por completo quedando o resto do inmoble afectado polo fume. Ás 20:45 horas deste xoves, un particular pedía axuda ao 112 Galicia. Indicaba que lle ardía a cociña da casa no lugar de Arenteiro, en Barrán. Aseguraba que non había persoas afectadas.

Así,  desde o CIAE alertouse aos Bombeiros do Carballiño que decontado se desprazaron ao punto. Tamén se puxeron os feitos en coñecemento da Garda Civil e dos efectivos de Protección Civil. Maila que, persoal do concello indicou ao 112 Galicia que os mesmos particulares case extinguiran o lume, os Bombeiros tras chegar ao lugar remataron coas  tarefas de extinción, arrefriaron  e ventilaron a vivenda.