Escuchar

Desaloxados os pasaxeiros dun tren en Maside ao  declararse un incendio no coche de cola

Un total de 20 persoas foron desaloxadas onte do tren no que viaxaban tras incendiarse o coche  de cola. Afortunadamente, ningún dos pasaxeiros resultou ferido nin afectado. Unha vez evacuados, algúns deles foron recollidos polos seus familiares e o resto dos pasaxeiros agardaron no apeadeiro de Maside –lugar onde ocorreu o suceso- que un autobús os recollese e levara ao seu destino, Ourense.

Á primeira chamada de alerta rexistrouse no 112 Galicia sobre as 19:00 horas. Un particular comunicaba aos xestores de emerxencias que vía saír fume e lapas dun tren, ademais, vía como saía xente do seu interior tratando de apagar o lume con extintores.

A partir de aí e despois de recibir a chamada de varios alertantes,  o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia alertou de inmediato aos Bombeiros do Carballiño, á Garda Civil e ao persoal de ADIF. Do mesmo xeito, púxose en alerta ao persoal sanitario do 061 por se nalgún momento fose precisa a súa intervención. Así mesmo, informouse da situación aos efectivos de Protección Civil do Carballiño e ao persoal do Concello de Maside.  

Unha  vez rematadas as tarefas de extinción e de arrefriamento, os Bombeiros comprobaron que a vía estivese limpa, posto que,  moi preto do lugar onde ocorreron os feitos atopábanse uns depósitos de gas que puideran en algún momento verter algo de combustible. Finalmente, os depósitos non se viron afectados.

A escasos minutos das 21:00 horas persoal do Centro de Seguridade de ADIF comunicou ao 112 Galicia que a vía estaba aberta á circulación de convois.  A esa hora, o tren afectado –aínda que sen pasaxeiros- continuo a  marcha cara a cidade de Ourense.