Boletín Informativo das 13:00 horas do día 14/02/18

mércores, 14 Febreiro, 2018 - 13:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Arde por completo unha vivenda sen causar feridos en Outeiro de Rei

Un incendio calcinou por completo unha vivenda situada no lugar de Castelo, no termo municipal de Outeiro de Rei.

Por fortuna, a casa estaba desocupada no momento de producirse o lume, polo que ninguén resultou afectado. Pola contra, o incendio provocou importantes danos estruturais no inmoble e puxo en risco as vivendas lindeiras.

De feito, os efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Vilalba están a traballar, por unha banda, para sufocar o lume e, pola outra, para protexer as casas do arredor.

Finalmente, lograron confinar o incendio, aínda que causou moitos danos na vivenda, á que se lle veu o teito abaixo. Polo momento, seguen actuando no punto ata extinguir por completo o lume. 

Os veciños que alertaron ao 112 Galicia ás nove desta mañá, indicaron que a vivenda estaba baleira, pois os donos adoitan a ocupala durante as fins de semana.

 

Un accidente múltiple deixa tres feridos en Pontecesures

 Os servizos sanitarios de urxencia atenderon esta mañá a tres persoas que resultaron feridas a causa dunha colisión na que se viron implicados tres turismos e un camión.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o sinistro produciuse este mediodía na N-550, á altura do punto quilométrico 84, dentro do termo municipal de Pontecesures.

Como consecuencia da colisión, tres persoas necesitaron asistencia médica, aínda que só unha foi trasladada en ambulancia polos efectivos do 061-Urxencias Sanitarias. Os outros dous afectados decidiron acudir pola súa conta ao Centro de Saúde.

Ademais dos servizos médicos, acudiron ao lugar os axentes da Garda Civil de Tráfico e os membros do GES de Valga que indicaron que un dos turismos indicados sufriu, a maiores, danos tras colidir contra un semáforo.