Escuchar

Ileso despois de saírse da vía e bater contra un poste en Bueu

Un condutor saíu ileso esta mañá despois de sufrir un accidente co seu vehículo no concello pontevedrés de Bueu.

Sobre as 10:30 horas, axentes da Policía Local informaban ao 112Galicia dunha saída de vía na PO-551, no punto quilométrico 8.9, na parroquia de Cela. Aseguraban que o condutor non estaba ferido pero batera contra un poste e ocasionara diversos danos.

Así, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia informouse á Garda Civil de Tráfico e aos efectivos de Protección Civil da localidade.

Debido ao impacto, o farol quedou partido e corría risco de caer ao quedar suxeito polos cables de alumeado, por iso, foi necesaria a intervención dos Bombeiros do Morrazo para a súa retirada. A intervención de persoal do Concello e o da empresa subministradora de electricidade tamén foi requirida polo 112 Galicia.

 

Arde unha habitación da segunda planta dunha casa sen causar danos persoais en Castro de Rei

Os Bombeiros de Vilalba apagaron esta mañá un incendio declarado na segunda planta dunha casa, no lugar de Cornide, en Duarría, no municipio lucense de Castro de Rei.  Non houbo que lamentar danos persoais e, unicamente, ardeu unha habitación e parte de outra. Iso si, o fume afectou á case todo o inmoble.

Ao fío deas 10:30 horas desta mañá, o propietario alertaba ao 112 Galicia de moito fume na casa pero non sabía de onde procedía. Indicaba, ademais, que na casa vive unha persoa que está encamada pero que xa a estaban evacuando para a planta baixa. Afortunadamente, non precisou asistencia sanitaria.

Nada mais recibir a chamada do alertante, desde o CIAE ademais de alertar aos Bombeiros, solicitouse a colaboración dos axentes da Garda Civil.

Os Bombeiros, tras apagar o incendio e ventilar a vivenda indicaron que polo momento descoñécense as causas da súa orixe.