Boletín informativo das 19:00 horas do día 07/12/17

xoves, 7 Decembro, 2017 - 19:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Tres persoas resultaron feridas noutros tantos atropelos rexistrados en Pontevedra, Coruña e Moaña

Tres persoas, unha delas menor de idade, foron atendidas esta tarde polos servizos sanitarios de urxencia a causa doutros tantos atropelos localizados en Moaña, Pontevedra e Coruña.

O máis recente rexistrouse na estrada de Domaio, en Moaña, onde unha muller está a ser atendida despois de ser alcanzada por un vehículo. O 112 Galicia tivo constancia do suceso ás 18:30 horas, logo de recibir a chamada dun particular, quen indicou que a ferida necesitaba atención médica.

A partir dese momento, o persoal do centro de emerxencias solicitou a colaboración de Urxencias Médicas, Garda Civil de Tráfico e os Bombeiros do Morrazo.

Por outra banda, na Coruña, un menor foi alcanzado por un vehículo na Rúa Álvaro Cunqueiro. Ata o lugar desprazáronse os profesionais sanitarios e os axentes da Policía Local. Dende o 112 Galicia tamén se informou aos bombeiros da cidade.

O suceso rexistrouse ás 14:20 horas de hoxe.

Por último, cando estaban a piques de dar as dúas da tarde, en Pontevedra ocorreu un novo atropelo, neste caso, unha muller de avanzada idade que foi alcanzada por un turismo nun paso de peóns. Sucedeu na Praza de Barcelos, na confluencia coa Rúa Rouco.

O 112 Galicia tivo constancia do accidente logo de recibir unha chamada dos servizos sanitarios de urxencia. A partir de aí, activouse un operativo no que participaron, ademais, os axentes da Policía Local e foron informados os bombeiros da cidade.