Escuchar

Excarcerada unha muller tras unha colisión frontal na Pobra do Caramiñal

Unha muller resultou ferida esta tarde nunha colisión frontal na que se viron implicados dous turismos na Pobra do Caramiñal. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, a vítima, que foi trasladada a un centro hospitalario, tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Ribeira e de Boiro ao quedar atrapada no interior dun dos coches accidentados.

O accidente ocorreu na AC-305, concretamente no punto quilométrico 30, ao fío das 14:50 horas. Nese momento, un particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do sinistro.

Acto seguido, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasaba o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Ribeira e de Boiro, a Protección civil, á Garda Civil de Tráfico e ao servizo de mantemento da estrada.