Boletín informativo das 19:00 horas do día 13/12/17

mércores, 13 Decembro, 2017 - 19:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Dúas persoas feridas nunha colisión entre un camión e un coche en Redondela

Dúas persoas resultaron feridas esta tarde despois de producirse unha colisión entre un camión e un coche en Redondela. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, as vítimas atopábanse accesibles e foron atendidas no lugar do accidente polos profesionais sanitarios do 061-Urxencias Sanitarias.

O sinistro ocorreu na N-550, no Alto dos Valos, á altura do cruce para Pazos. Un particular contactaba co 112 Galicia ás 17:30 horas para dar conta dos feitos. Indicaba no seu relato que o camión non transportaba mercadorías perigosas.

Decontado, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia púxose a situación en coñecemento do persoal sanitario, da Garda Civil de Tráfico e de Protección Civil.

Colisión múltiple
Por outra banda, unha colisión na que se viron implicados catro coches en Pontevedra saldouse cunha muller ferida leve. O accidente tivo lugar na N-550, concretamente no punto quilométrico 115,800.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o sinistro provocou numerosas retencións  no lugar do sinistro.

O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido a través da alerta dun particular ao fío das 15:00 horas. Indicaba que os turismos colidiran por alcance na parroquia de Lérez, á altura do lugar da Cendona. Engadía que todas as persoas accidentadas atopábanse ilesas.

A partir de aí, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasaba o aviso a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.

Unha vez no lugar do sinistro, os axentes solicitaban  medios de conservación da vía e unha ambulancia para unha muller con dor de cabeza leve. Nese momento, dende o CIAE, informábase ao 061-Urxencias Sanitarias e aos Bombeiros de Pontevedra.

 

Un traballador afectado por inhalación de fume tras un incendio nunha fábrica en San Cibrao das Viñas

Un operario resultou afectado por inhalación de fume ao producirse un incendio nunha fábrica no Polígono de San Cibrao das Viñas. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o lume foi controlado e apagado polos propios medios da empresa.

O 061-Urxencias Sanitarias alertaba dos feitos ao 112 Galicia ás 18:30 horas. Os técnicos sanitarios indicaban que había unha persoa afectada por inhalación de fume e que o incendio estaba sufocado.

Decontado, dende o CIAE informouse dos feitos aos Bombeiros do Polígono de San Cibrao das Viñas, que se achegaron ata o lugar do incendio, aínda que non chegaron a intervir. Ademais, o persoal do CIAE puxo os feitos en coñecemento da Garda Civil e do GES do Pereiro de Aguiar.