Escuchar

Morren dous mozos en Tordoia ao caer co coche a un río

Dous mozos faleceron onte á tarde en Tordoia tras caer ao río Lengüelle co seu coche. Os feitos tiveron lugar na estrada que une Ordes e Portomouro, no punto quilométrico 4,5.

Segundo se lle indicou ao 112, o vehículo afundiuse uns tres ou catro metros e quedou envorcado. Para poder recuperar os corpos, os Bombeiros de Ordes tiveron que arrastrar o coche ata a beira do río. Ata o punto tamén se desprazou un equipo de mergulladores para recuperar os corpos das dúas vítimas e comprobar que no interior do vehículo non había máis persoas.  

Unha persoa particular informou do sinistro ao 112 Galicia ás 17:15 horas de onte. Dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 Galicia informouse do acontecido a Urxencias Médicas, ós Bombeiros de Ordes e da Coruña, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local de Tordoia e de Ordes e á Garda Civil.

 

Catro persoas afectadas por escapes de gas en Tomiño e Ordes

Nas últimas horas catro persoas tiveron que recibir asistencia sanitaria por inhalación de monóxido de carbono. En Tomiño, dúas persoas foron evacuadas a un centro hospitalario despois de detectarse un escape de gas na súa casa. En concreto, os feitos tiveron lugar nunha propiedade de Luneda, na parroquia de Barrantes.

As dúas vítimas, nai e filla, estaban practicamente inconscientes cando os efectivos de emerxencia chegaron á vivenda. Foi unha terceira persoa, que estaba noutro cuarto da casa, o que percibiu o cheiro a gas e deu a voz de alarma.

O 112 Galicia tivo constancia da situación ás 21:45 horas, a través da alerta de Urxencias Médicas. Dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 Galicia informouse aos Bombeiros do Baixo Miño e ao GES da Guarda. Tamén se alertou a Protección Civil, á Policía Local e á Garda Civil.

Aínda que polo de agora non está confirmada a orixe do escape de gas, todo apunta a que se debeu a unha mala combustión dun quentador.

Intoxicados en Ordes
Ademais, en Ordes, outras dúas persoas resultaron afectadas por inhalación de monóxido de carbono. Aconteceu nun piso da rúa Víctor González Faya.

O 112 Galicia recibiu o aviso dos efectivos sanitarios minutos despois das 2:00 horas desta madrugada. O persoal da central de emerxencias do 112 alertou decontado aos Bombeiros da localidade, a Protección Civil e á Garda Civil.

As dúas vítimas foron trasladas ao PAC de Ordes. Segundo se lle indicou ao 112, o escape de gas puido deberse a un problema na caldeira.

 

Unha persoa ferida nunha colisión múltiple en Moaña

Unha colisión na que se viron implicados tres vehículos deixa unha persoa ferida en Moaña. En concreto, o sinistro tivo lugar no carril de acceso á AP-9, dende Domaio.

Unha persoa particular contactou co 112 Galicia ás 23:00 horas desta noite para indicar que a súa filla acababa de sufrir un accidente. Acto seguido, o persoal da central de emerxencias informou a Urxencias Médicas e á Garda Civil de Tráfico.

Os efectivos sanitarios desprazáronse ao punto para asistir á persoa ferida.

 

Un incendio nun garaxe de Vilagarcía deixa diversos danos materiais

Un incendio rexistrado esta noite nun garaxe de Vilagarcía de Arousa ocasionou diversos danos materiais. O lume calcinou por completo un coche, oito pneumáticos de camión e leña. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o teito da construción estivo a piques de colapsar.

Os feitos tiveron lugar no Sisto, na parroquia de Solobeira. Unha persoa particular chamou ao 112 ás 23:20 horas de onte. Segundo dixo, o lume puido iniciarse no vehículo.

O Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertou aos Bombeiros do Salnés e a Urxencias Médicas, aínda que finalmente ninguén precisou asistencia sanitaria. A situación tamén foi posta en coñecemento do Servizo de Emerxencias municipal e da Policía Local.

O garaxe incendiado está separado da vivenda principal, pero pegado á casa dun veciño que, segundo indicaron os efectivos mobilizados, non se veu afectada.