Escuchar

A AXEGA levará auga a Entrimo

A Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) levará hoxe unha cisterna con auga limpa a Entrimo. Ao igual que nas Neves, na provincia de Pontevedra, as choivas dos últimos días arrastraron cinza dos montes queimados e alteraron a composición da auga. Por iso, as autoridades locais procederon a pechar a captación.

En Entrimo (Ourense), son dous os núcleos de poboación os que acusan maior falta de subministración, Olellas e Terrachá. Ata alí chegará unha cisterna da AXEGA con auga limpa que, en todo caso, deberán tratar para poder, finalmente, abastecer á poboación.

 

Catro persoas feridas en accidentes no Porriño e Oroso

Catro persoas resultaron feridas nas últimas horas en Galicia en sinistros de tráfico. Hai pouco máis dunha hora, no Porriño, unha persoa foi evacuada logo do que o vehículo no que circulaba sufrise unha saída de vía. Foi na A-55, en dirección Portugal, á altura da saída do Porriño.

O 112 Galicia recibía o aviso dunha persoa particular instantes antes das 8:00 horas desta mañá. Dende o Centro de Atención ás Emerxencias alertouse a Urxencias Médicas e aos Bombeiros do Baixo Miño. Tamén se informou a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.

Das tres persoas que viaxaban no vehículo sinistrado, soamente unha precisou ser trasladada en ambulancia a un centro sanitario.

Colisión en Oroso
Entre tanto, en Oroso, tres persoas resultaron feridas nunha colisión entre dous vehículos. O sinistro rexistrouse na N-550, preto da intersección da estrada que vai a Trazo.

Unha persoa particular chamaba ao 112 Galicia minutos antes das 21:00 horas de onte. Solicitaba para as persoas feridas asistencia sanitaria. Os profesionais do Centro de Atención ás Emerxencias alertaron a Urxencias Médicas. O accidente tamén foi posto en coñecemento dos Bombeiros de Ordes, de Protección Civil e da Garda Civil de Tráfico.

 

Incendio no instituto de Arzúa

Un incendio declarado a pasada tarde no IES de Arzúa afectou á sala dos cadros eléctricos. O lume calcinou por completo a estancia. Todo o complexo viuse afectado polo fume. Así e todo, ninguén resultou ferido.

Unha persoa particular contactou co 112 Galicia ás 20:00 horas da pasada tarde alertando do incendio. Dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informouse aos Bombeiros de Arzúa. A situación tamén foi posta en coñecemento de Protección Civil e da Garda Civil.

Os Bombeiros conseguiron extinguir o lume contra ás 21:30 horas. Durante esta xornada as forzas da orde encargaranse de investigar as causas polas que se orixinou o incendio.

Galpón en Campo Lameiro
Nas últimas horas tamén se declaraba un incendio nun galpón de Campo Lameiro. En concreto, os feitos aconteceron no lugar de Marañó, na parroquia do Campo.

Na estancia había herba seca, unha máquina agrícola e un turismo. Os seus donos deron salvado o coche, aínda que o lume acaboulle afectando a un lateral. O galpón e resto de pertenzas arderon por completo.

Unha persoa particular chamaba ao 112 Galicia ás 3:45 horas desta mañá para dar conta dos feitos. O persoal do CAE 112 alertou aos Bombeiros do Salnés e ao GES da Estrada. Tamén se informou a Protección Civil e á Garda Civil, así como aos Bombeiros de Pontevedra. Finalmente, os efectivos do GES deron sufocado o incendio.