Escuchar

Feridos os dous ocupantes dun camión tras envorcar en Begonte

Os dous ocupantes dun camión resultaron feridos tras envorcar ao paso da localidade lucense de Begonte. Foi o mesmo condutor quen, ao fío das 07:00 horas de hoxe, chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que lle acababa de envorcar o camión e que estaban atrapados no seu interior.

De inmediato, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (CIAE) alertouse ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Vilalba, á Garda Civil de Tráfico e aos membros do GES de Guitiriz.

No transcurso da chamada, outros alertantes informaban tamén ao CIAE dun camión envorcado á altura do punto quilométrico 517 da A-6, dirección Ferrol. Aseguraban ademais, que estaban axudando a un dos ocupantes a saír do vehículo pero a outra persoa estaba atrapada.

Finalmente, unha vez no punto, os axentes confirmaron que os dous ocupantes puideron ser evacuados, sen ser precisos os medios de excarceración.  

 

Extinguen un lume no almacén dunha granxa en Carballeda de Avia

Algo mais dunha hora tardaron os Bombeiros en extinguir un lume que se iniciou nun almacén dunha granxa en Carballeda de Avia. Ás 06:50 horas de hoxe, un particular alertaba ao 112 Galicia dun incendio no interior dun almacén de pellets nunha granxa situada en Faramontaos.

Nada mais recibir a chamada do alertante, o CIAE puxo os feitos en coñecemento dos Bombeiros do Carballiño que decontado se desprazaron ao punto. Así mesmo, pasouse aviso á Garda Civil, aos efectivos do GES de Avión e de Ribadavia e informouse de igual xeito ao servizo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. O persoal do 061, tras ser alertado polo 112 Galicia,  desprazou ata o punto unha ambulancia a modo preventivo.

Pasados uns minutos das 08:00 horas, os Bombeiros daban por rematadas as tarefas de extinción. Indicaron que, unicamente ardeu o teito e os pellets que había no interior do almacén.

Nestes intres, os medios de extinción continúan no lugar arrefriando a zona.