Escuchar

Cinco persoas feridas nunha dobre colisión en Rianxo

Unha sucesión de dous accidentes rexistrados na AG-11, ao seu paso polo concello de Rianxo, deixa cinco persoas feridas. Todas elas foron evacuadas polos efectivos sanitarios a un centro hospitalario.

Os dous sinistros tiveron lugar no mesmo punto, no quilómetro 16 en sentido Padrón, nun intervalo dun cuarto de hora. O primeiro produciuse contra as 21:00 horas. Nese intre, unha persoa particular informaba ao 112 dun choque entre un turismo e un camión que transportaba madeira.

Minutos despois, rexistrábase unha segunda colisión entre tres vehículos, a consecuencia do primeiro accidente. O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ás 21:15 horas de onte, a través do aviso doutra persoa particular.

O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias informou dos dous accidentes a Urxencias Médicas e aos Bombeiros de Boiro. Tamén se alertou a Protección Civil, á Policía Local e á Garda Civil de Tráfico.

A consecuencia dos accidentes, a circulación na vía viuse condicionada.

 

Tres persoas feridas en Cerceda nun choque entre unha furgoneta e un turismo

Unha colisión entre unha furgoneta de reparto de pan e un vehículo deixa tres persoas feridas. Tras o impacto, o turismo acabou envorcando. Das tres persoas feridas, unicamente unha tivo que ser trasladada a un centro hospitalario. As outras dúas resultaron feridas de carácter leve e non precisaron ser evacuadas.

O sinistro tivo lugar na estrada que vai de Cerceda ao Mesón do Vento, á altura da central térmica. O 112 Galicia tivo coñecemento do sinistro ás 8:10 horas desta mañá, a través da alerta de Urxencias Médicas.

Dende a central de emerxencias do 112 informouse aos Bombeiros de Ordes, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.

Accidente en Mos
Ademais, unha persoa resultou ferida esta noite en Mos despois de producirse unha colisión entre un camión e un coche. O accidente tivo lugar na Avenida de Peinador.

Segundo se lle indicou ao 112, o turismo esnafrouse contra o camión, que nese intre estaba estacionado na beira da vía. Os efectivos de emerxencias mobilizados tiveron que liberar o vehículo, que quedou incrustado no camión.

Unha persoa particular informou dos feitos ao 112 Galicia ás 23:30 horas de onte. Acto seguido, os profesionais da central de emerxencias do 112 alertaron a Urxencias Médicas e aos Bombeiros do Baixo Miño. A situación tamén foi posta en coñecemento do Servizo de Emerxencias da localidade e da Garda Civil.

A persoa ferida foi trasladada polos efectivos sanitarios a un centro hospitalario.

 

Arde un coche en Moaña

Un incendio calcinou por completo esta noite un coche en Moaña. Unha persoa particular contactou co 112 Galicia ás 00:30 horas para dar conta da situación. Segundo indicou, o vehículo estaba estacionado na PO-551, á altura do Concello, cando comezou a arder.

Dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertouse aos Bombeiros do Morrazo e á Policía Local. Segundo indicaron os Bombeiros, o incendio quedou sufocado contra a 1:00 desta madrugada.