Escuchar

Un accidente de tráfico en Mondoñedo sáldase con dúas persoas feridas

Dúas persoas resultaron feridas esta mañá nun accidente ocorrido no termo municipal lucense de Mondoñedo.

Sobre as 11:45 horas, persoal sanitario informaba ao 112 Galicia dun accidente de tráfico en Vilamor, con dúas persoas feridas. Ata o lugar achegáronse os axentes de Tráfico, efectivos de Protección Civil e os Bombeiros de Barreiros que, tras chegar ao punto, descartaron o uso dos medios de excarceración. Iso si, confirmaron o traslado dos dous feridos ao centro hospitalario de referencia polo persoal sanitario.

 

Os Bombeiros extinguen un lume no interior dun barco no arsenal de Cambados

Un lume na cociña dun barco de pesca mobilizou esta mañá aos bombeiros de Ribadumia. Foron, precisamente os membros de extinción, os que, ás 10:50 horas poñían en alerta ao 112 Galicia, así como, distintos particulares que tamén vían as chamas. Indicaban que ardían madeiras dun barco no exterior do arsenal, en Tragobe.

Tras recibir o aviso, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento de Protección Civil, da Garda Civil e da Policía Local.

Unha vez no punto, os membros de Protección Civil confirmaron que o que ardía eran  madeiras da cociña do barco. Aseguraban, ademais, que ninguén resultara ferido. Persoal de Salvamento Marítimo, o Servizo de Gardacostas de Galicia e a Autoridade Portuaria tamén foron informados polo 112 Galicia.

A esta hora, os bombeiros tras sufocar as chamas, continúan no punto coas tarefas de ventilación.