Boletín Informativo das 13:00 horas do día 11/02/16 | Axega

Escuchar

Unha persoa perdeu a vida nunha colisión entre camión e unha furgoneta en Lugo

Unha furgoneta e un camión chocaron esta mañá no Corredor de Nadela, en Lugo. Como consecuencia do impacto, a persoa que conducía a furgoneta resultou falecida. Pola súa banda, o camioneiro, que estaba liberado e accesible, foi atendido polos servizos sanitarios de urxencia. Ás doce desta mediodía, varias persoas puxéronse en contacto co 112 Galicia para solicitar axuda, especialmente, para o condutor da furgoneta que xacía na calzada e, insistían, parecía gravemente ferido. O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia avisou aos técnicos de Urxencias Médicas e aos bombeiros da cidade, que, pouco despois confirmaron o falecemento da persoa. Ao lugar do accidente desprazáronse tamén os axentes da Garda Civil de Tráfico e ao equipo de limpeza da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI). Os bombeiros indican que o camión implicado levaba cisterna e que a carga está intacta.  

 

Catro persoas resultaron feridas en senllos accidentes rexistrados en Dumbría e Malpica

Un accidente múltiple e unha saída de vía en Malpica e Dumbría, respectivamente, deixan un total de catro persoas feridas de diversa consideración. En ambos os casos, os bombeiros tiveron que empregar os equipos de excarceración para liberar a tres dos catro feridos. En Dumbría, tres persoas viaxaban a bordo dun turismo que, por razóns que aínda se descoñecen, saíuse da AC-552, á altura do Cruzamento de Buxán, en dirección a Cee. Como consecuencia do impacto, dúas persoas quedaron atrapadas no interior e necesitaron a axuda dos Bombeiros de Cee para abandonar o vehículo. Unha vez liberados, foron evacuados nunha ambulancia de Urxencias Médicas, xunto cunha terceira persoa que presentaba lesións leves. O CAE 112 Galicia recibiu a alerta ao fío das once desta mañá e, apenas tres minutos despois, outros catro vehículos, tres turismos e un camión bañeira, chocaron na estrada de Carballo a Malpica (AC-418), concretamente, no Cruzamento de Buño. Unha muller que viaxaba nun dos turismos implicados quedou atrapada no interior, polo que tiveron que intervir os Bombeiros de Carballo. 

 

Un camión cargado con bombonas de butano perdeu parte da carga na AC-841, en Teo

Varias bombonas de butano caeron á AC-841, en Teo, e algunha mesmo causou danos a unha fugoneta que circulaba detrás do camión de repartición ao que se lle soltou a barreira de contención. Por fortuna, ninguén resultou afectado, pero, como consecuencia do accidente, interrompeuse o tráfico por un dos carrís de circulación ata hai uns minutos. Os efectivos de emerxencias informaron de que caeron tres bombonas dun só compartimento e rodaron río abaixo, aínda que descartan que haxa risco de contaminación. A pesar de que revisaron a zona, só conseguiron localizar unha. O CAE 112 Galicia rexistrou o accidente ás 10:00 horas desta mañá e desde o Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitouse a colaboración dos efectivos de Protección Civil de Teo, membros do GES da Estrada e Bombeiros de Ordes. Tamén foron informados os axentes da Garda Civil de Tráfico.