Escuchar

Atopan falecida a unha muller e inconsciente á súa parella no seu domicilio en Ourense

Os servizos sanitarios de urxencia  confirmaron o falecemento dunha muller e o traslado do seu home –inconsciente- ao Hospital Clínico de Ourense, tras ser atopados na súa vivenda por unha neta.  Eran case as 12:00 horas deste mediodía cando Urxencias Médicas comunicaba ao CAE 112 Galicia que enviaban unha UVI móbil para a Rúa Gregorio Fernández, na cidade de Ourense. Aínda que se apreciaba un cheiro moi forte no domicilio non sabían precisar de que se trataba. Por iso, de contado, o persoal do 112 Galicia solicitou a intervención da Policía Nacional e dos Bombeiros de Ourense que, chegados á vivenda e feitas as correspondentes medicións comprobaron que os resultados eran negativos, polo que, descartaron un escape de gas. Neste intre, os servizos de emerxencia investigan as causas que orixinaron os feitos.  A intervención da Policía Local e de Protección Civil tamén foi requirida polo persoal do 112 Galicia. 

 

Ferido de gravidade un estibador tras ser atropelado por unha carretilla no porto de Vilargacía

Un helicóptero medicalizado trasladou esta mañá a un operario que resultou ferido de gravidade despois de ser atropelado por unha carretilla na dársena de Camboa, no porto de Vilagarcía de Arousa. Foi un particular quen, sobre as 09:30 horas de hoxe, solicitaba ao CAE 112 Galicia asistencia sanitaria con urxencia para un estibador. Indicaba que o home non estaba atrapado pero si estaba ferido de gravidade. Ademais de pasar aviso ao persoal sanitario, o 112 Galicia informou aos axentes da Policía Nacional e da Garda Civil, á Autoridade Portuaria de Vilagarcía e aos efectivos do Servizo Municipal de Emerxencias da localidade.