Boletín Informativo das 13:00 horas do día 16/12/16 | Axega

Escuchar

Un accidente na VG-20 deixa dous feridos en Vigo

Un total de tres vehículos –dous turismos e unha furgoneta- víronse implicados esta mañá nun accidente ocorrido na VG-20, e, dúas persoas resultaron feridas.

O suceso tivo lugar hoxe, ás 09:00horas, ao redor do punto quilométrico 13, en Bembrive, á altura do termo municipal de Vigo.

Foi a esa hora cando varios particulares chamaron ao CAE 112 Galicia para pedir axuda. Indicaban que un coche envorcara e  unha muller embarazada e un menor estaban saíndo do interior do vehículo. Tamén, unha das condutoras implicadas alertou ao persoal do 112 Galicia. Segundo relatou, saíuse da vía, chocou contra un camión e outros turismos terminaron batendo contra eles.

Así, de inmediato, o 112 Galicia requiriu a intervención do persoal sanitario e da Garda Civil de Tráfico  e informou aos Bombeiros e a Protección Civil.

Finalmente, os axentes de tráfico confirmaron que foron tres vehículos –dous turismos e unha furgoneta- os implicados e que as dúas persoas foran evacuadas polos servizos sanitarios. Persoal do servizo de mantemento da estrada encargouse da limpeza da vía.

Saída de vía en Ribadavia
Dúas persoas, entre elas unha muller embarazada, resultaron feridas esta mañá ao saírse da vía o vehículo no que viaxaban. O accidente ocorreu na N-120, no lugar de Ventosela, en Ribadavia.

Por fortuna, aínda que si foron necesarios os servizos sanitarios, descartáronse os medios de excarceración, posto que os dous ocupantes, puideron saír do interior do turismo polos seus propios medios.

Tras recibir á alerta dun particular, pasados uns minutos das 11:15 horas de hoxe, o 112 Galicia requiriu a intervención de Urxencias Médicas, da Garda Civil de Tráfico e do GES de Ribadavia.