Escuchar

Un home resultou ferido en Moaña despois de saírse da vía co tractor que manexaba

Un home resultou ferido tras envorcar o tractor que manexaba despois de saírse da vía. O accidente ocorreu sobre as 09:00 horas de hoxe, no Corredor do Morrazo, concretamente na rotonda da Fraga. Foi a esa hora, cando un particular solicitaba medios sanitarios –urxentes- ao 112 Galicia. Segundo o seu relato, o remolque do vehículo pasou por riba do condutor sen que, en ningún momento, estivese  atrapado.

 A partir de aí, pasouse aviso ao 061-Urxencias Sanitarias e informouse á Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros do Morrazo.

Ferido en Rubiá
Por outra banda, o Centro Integrado ás Emerxencias de Galicia (CIAE), recibía esta mañá unha alerta doutra saída de vía tamén cunha persoa ferida. Tratouse dun home de avanzada idade que mentres circulaba pola N-120, á altura do desvío a Oulego, se saíu da calzada. Como consecuencia do impacto, o coche precipitouse por un barranco. O condutor aínda que non precisou medios para saír do turismo, si precisou asistencia sanitaria.

Nada mais recibir o aviso dun particular, sobre as 11:30 horas, o persoal do CIAE alertou ao 061-Urxencias Sanitarias. Tamén, os axentes de Tráfico e os efectivos do GES de Valdeorras foron informados polo 112 Galicia.