Escuchar

Tres persoas feridas nunha colisión múltiple en Vigo

Unha colisión entre tres coches en Vigo deixa outras tantas persoas feridas. O sinistro produciuse na avenida de Madrid.

Unha persoa particular contactou co 112 Galicia ás 10:30 horas desta mañá para informar do accidente. Explicou que había varias persoas feridas, entre elas, a súa propia nai. O Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertou a Urxencias Médicas e aos Bombeiros de Vigo. Os feitos tamén foron postos en coñecemento da Policía Local e de Protección Civil.

As tres persoas feridas recibiron asistencia médica e foron trasladadas ao Hospital Perpetuo Socorro da cidade.

 

Unha muller resulta ferida ao envorcar co coche na Estrada

Unha muller quedou ferida esta mañá ao envorcar co seu coche na Estrada. Máis en detalle, o sinistro tivo lugar na PO-841, a vía que une a localidade con Santiago, á altura da parroquia de Baloira.

Varias persoas chamaron ao 112 Galicia ao fío das 9:45 horas de hoxe para alertar da presenza dun vehículo accidentado nunha zona de curvas. Dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informouse a Urxencias Médicas, aos Bombeiros do Deza e ao GES da Estrada. Tamén se deu conta do sinistro a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.

Os efectivos do GES desprazáronse ata o punto cun equipo de excarceración, aínda que a condutora puido saír do vehículo polo seu propio pé. Foi trasladada nunha ambulancia a un centro sanitario.