Escuchar

Os Bombeiros excarceran unha muller en Meaño

Unha muller foi excarcerada hoxe polos Bombeiros de Ribadumia despois de sufrir un accidente de tráfico no concello pontevedrés de Meaño. Os feitos tiveron lugar na PO-303, a estrada que une a vila con Samieira, á altura do quilómetro 5. Un familiar seu alertou do sinistro ao CAE 112 Galicia minutos despois das 13:30 horas. Segundo indicou, a muller viaxaba nun vehículo de cortesía, despois de deixar o seu nun taller da zona.  Decontado, o persoal do 112 Galicia contactou coa muller accidentada, que explicou que o coche envorcara e que ela quedara atrapada no seu interior. O 112 Galicia informou aos Bombeiros, que acabaron liberando do interior do vehículo á muller. Tamén se informou a Urxencias Médicas, á Policía Local, á Garda Civil de Tráfico e á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), para proceder á limpeza da vía.

 

Dous feridos nun accidente múltiple en Bergondo

Unha colisión entre tres vehículos rematou con dúas persoas feridas. O sinistro produciuse no concello de Bergondo, na N-VI, en dirección cara á Coruña, na incorporación do Polígono de Bergondo. Un particular chamou ao 112 Galicia minutos despois das 13:30 horas de hoxe para dar conta do accidente. Segundo explicou, non había ninguén atrapado dentro dos vehículos, aínda que algunha das persoas implicadas na colisión precisaba asistencia sanitaria. O persoal do CAE 112 Galicia informou da situación a Urxencias Médicas. Os servizos sanitarios acabaron trasladando en ambulancia a un centro sanitario a unha das dúas persoas que quedara ferida. O 112 Galicia tamén alertou do accidente aos Bombeiros de Betanzos, a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico. Por outra banda, no concello de Oleiros, tamén se produciu un accidente múltiple no que se viron implicados tres coches. O sinistro tamén aconteceu na N-VI, desta volta no lugar do Carballo, na parroquia de San Pedro de Nós. Nesta ocasión, ninguén resultou ferido. Un dos condutores implicados alertou do accidente ao CAE 112 Galicia ás 14:30 horas de hoxe. O 112 Galicia informou a Protección Civil, á Garda Civil de Tráfico e ao servizo de mantemento da estrada. Os vehículos foron retirados da vía minutos despois de producirse a colisión.