Boletín Informativo das 19:00 horas do día 06/11/17 | Axega

Escuchar

Un accidente múltiple deixa dous feridos en Mos

Un total de cinco turismos e un camión con remolque colidiron este mediodía ao paso da localidade pontevedresa de Mos. Debido ao choque, dúas persoas resultaron feridas e foron trasladadas polo persoal sanitario ao centro hospitalario de referencia. O accidente ocorreu  na A-55, dirección Vigo, á altura do punto quilométrico 8. Foi un particular quen, ás 14:15 horas,  alertou ao 112 Galicia dun accidente con varios coches implicados, na Autovía,  no Alto de Puxeiros.

Decontado, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (CIAE), alertouse ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros do Porriño e aos efectivos do Servizo de Emerxencias Municipal.

A intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada tamén foi requirida polo 112 Galicia.

Cinco feridos
En Santa Comba, un accidente entre unha furgoneta e un turismo saldouse con  cinco persoas feridas. Pasados uns minutos das 16:30 horas desta tarde, persoal do 061 informaba ao 112 Galicia dun accidente con cinco  feridos na estrada que une Santa Comba con Portomouro. A partir de ese momento, o persoal do CIAE informou do suceso aos axentes de Tráfico, aos Bombeiros e aos efectivos de Protección Civil de Santa Comba.

 

Dúas persoas sofren un ataque de ansiedade en Vigo  tras incendiárselle a casa

Dúas persoas foron atendidas polos servizos sanitarios tras sufrir unha crise de ansiedade despois de incendiarse a súa vivenda.  O incendio no que, polo momento  descoñécense as causas da súa orixe, produciuse nunha casa situada na Rúa de los Campos, en Matamá, na cidade de Vigo. Foron varios particulares os que, ao fío das 10:20 horas desta mañá, alertaron ao 112 Galicia de ver saír fume polas fiestras dunha casa. Tamén, a esa hora, os servizos sanitarios informaban ao persoal do CIAE que unha ambulancia se desprazada ao punto para atender a dúas persoas que sufrían un ataque de ansiedade a causa dun incendio.  

A partir de aí, o 112 Galicia puxo en alerta aos Bombeiros da cidade que, axiña se desprazaron ao punto.  Tamén alertou aos axentes da Policía Nacional e Local.

Pasados uns minutos das 13:30 horas, os Bombeiros confirmaron ao persoal do CIAE que ardera unha habitación na súa totalidade, resultando tamén afectado o resto do inmoble.

 

Ileso o condutor dun camión tras envorcar en Aríns (A Coruña)

Un condutor resultou ileso este mediodía tras envorcar o camión que conducía á altura do cemiterio de Aríns, en Santiago de Compostela.

Foi un particular quen, ao fío das 14:30 horas, alertou ao 112 Galicia. Indicaba que acababa de envorcar un camión e que estaban sacando ao condutor do interior do vehículo. Nada mais recibir o aviso, o 112 Galicia informou ao 061-Urxencias Sanitarias. Tamén alertou aos Bombeiros de Santiago , aos axentes de Tráfico e aos efectivos de Protección Civil.

Posto de novo o alertante en comunicación co CIAE, confirmou que o home xa estaba fora do vehículo e, aparentemente, estaba ben.

Colisión coche-Bus
Por outra banda, ao fío das 14:30 horas, colidían en Verín un turismo e un autobús escolar que circulaban pola Rúa de Antonio Fernández Pérez, á altura dos colexios.  No autobús viaxaban  ao redor de 40 nenos e, por fortuna,  todos resultaron ilesos. Tras recibir o aviso dun particular que indicaba que aparentemente non había feridos,  o 112 Galicia informou á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil. Así mesmo, de igual modo, informouse aos servizos sanitarios.

Outro autobús se dirixía neses intres cara o punto, para recoller aos escolares e trasladalos ao seu destino.

Choque camión-coche
O CIAE rexistraba esta tarde outro accidente en Monforte. Neste caso tratouse dun choque entre un turismo e un camión de paquetería que circulaban pola N-120, no punto quilométrico 514. Ao igual que no caso anterior, tampouco houbo que lamentar danos persoais.

Tras recibir a chamada dun alertante, sobre as 17:30 horas, o 112 Galicia pasou aviso  á Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil. Tamén os Bombeiros da localidade foron informados.