Boletín Informativo das 19:00 horas do día 22/02/17 | Axega

Escuchar

Liberado un varón tras colidir o vehículo que conducía contra un camión en A Estrada

Un varón foi liberado tras colidir o seu vehículo contra un camión en A Estrada. Os feitos tiveron lugar na parroquia de Baloira, á altura do Polígono da Estrada. Unha persoa particular alertaba do acontecido ao Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia ao fío das 13:00 horas. Segundo o seu relato, o condutor do vehículo non podía saír e tiña unha hemorraxia na cabeza.

Decontado, achegáronse ata o punto os efectivos do GES da Estrada cun equipo de excarceración e os membros de Protección Civil da localidade. Ao lugar tamén se desprazou unha ambulancia do persoal de Urxencias Médicas, na que o ferido, unha vez excarcerado, foi atendido no mesmo lugar do accidente. Por mor do impacto, os tres carrís da vía quedaron cortados e foi necesaria a intervención da Garda Civil de Tráfico para restablecer a circulación. O 112 Galicia informou do accidente, tamén, aos Bombeiros do Deza, cuxa intervención non foi necesaria debido a que o accidente foi moi preto da base do GES da Estrada.

Unha muller embarazada trasladada tras un accidente
Unha muller embarazada foi trasladada ao Hospital Materno da Coruña despois dun choque entre dous vehículos en Oleiros. Os feitos tiveron lugar na AC-174, concretamente no punto quilométrico 3. Unha persoa particular alertaba do accidente ao CAE 112 Galicia ás 16:10 horas. Segundo indicou no seu relato, había restos dos coches na vía.

O Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasou o aviso a Urxencias Médicas, á Policía Local, á Protección Civil da localidade e aos Bombeiros de Arteixo.  O 112 Galicia informou, tamén, á Garda Civil de Tráfico e ao servizo de mantemento da estrada.

 

Un varón de 74 anos foi trasladado tras unha fuga de gas no seu domicilio de Ferrol

Un varón de 74 anos foi trasladado ao Arquitecto Marcide tras unha fuga de gas no seu domicilio de Ferrol. Unha persoa particular alertaba ao 112 Galicia ás 13:45 horas. Axiña, os servizos sanitarios de Urxencias Médicas desprazáronse ata o lugar, na rúa Pérez Paralle. Ao chegar atoparon ao varón mareado. Acto seguido, levaron a cabo medicións de monóxido de carbono, que deron positivas.

Decontado, o CAE 112 Galicia pasou o aviso aos Bombeiros de Ferrol, á Policía Local e a Protección Civil da localidade. Cando os Bombeiros se achegaron ata o domicilio, ventilaron, fixeron medicións e xa daban negativas.