Boletín Informativo das 19:00 horas do día 22/04/15 | Axega

Escuchar
Unha muller sufriu queimaduras a causa dun incendio declarado no interior da súa vivenda, en Lalín
Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron ao Hospital a unha muller que sufriu queimaduras nas costas tras producirse un lume no interior da súa vivenda, no lugar de Oís, en Lalín. En concreto, o incendio afectou á cociña, que resultou totalmente calcinada. Ás 15:20 horas de hoxe, a muller chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. De inmediato, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia solicitou a intervención dos Bombeiros do Deza e dos membros do GES da localidade. Tamén foron informados os servizos sanitarios de urxencia en canto os efectivos de extinción comprobaron que a única ocupante da casa tiña queimaduras no lombo. Ademais, ao lugar dos feitos se achegou unha patrulla da Garda Civil.  
 
Un operario queda atrapado baixo un dúmper de obra cargado de pedras na Coruña
Os Bombeiros da Coruña tratan de rescatar a un traballador que quedou atrapado baixo as pedras que cargaba nun dúmper de obra. O ferido estaba a traballar na Rúa Fragas do Eume, na parroquia de Elviña, cando, por causas que aínda se investigan, perdeu o control da máquina que manexaba e envorcou. Ás 17:50 horas de hoxe, varios particulares contactaron co 112 Galicia para informar da situación. A partir de aí, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia puxo en marcha un operativo no que, ademais dos Bombeiros da Coruña, están a participar efectivos de Urxencias Médicas e da Policía Local e Nacional.
 
Unha persoa se precipita dende un segundo andar no Pino
O equipo médico do helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela se desprazou esta tarde ao Concello do Pino para atender a unha persoa que caeu dun segundo piso situado no lugar de Vilar. Tras recibir a alerta ás 17:45 horas de hoxe, o persoal do CAE 112 Galicia pediu a colaboración da Garda Civil. Polo momento, se descoñecen as causas do suceso.