Escuchar

O 112 Galicia contabiliza 77 incidencias no primeiro temporal deste outono

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias do 112 Galicia rexistrou, entre as 9:00 horas desta mañá e as 18:00 horas desta tarde, un total de 77 incidencias relacionadas co episodio de meteoroloxía adversa por verto.

A caída de árbores ou pólas ás estradas é a incidencia máis frecuente. Porén, no CIAE do 112 Galicia tamén se rexistraron avisos pola presenza doutros obxectos nas vías, por postes danados ou pola caída de carteis ou sinais de tráfico á calzada.

A provincia máis afectada é a da Coruña, onde se contabilizaron 26 incidencias. De preto, séguelle a de Pontevedra, con 25. Na provincia de Lugo, mentres, producíronse 20 e na de Ourense, 6.

Por concellos, destaca o de Vigo, onde se produciron 8 incidencias. De feito, é na cidade olívica onde hai que dar conta da única persoa ferida neste episodio adverso. Trátase dunha persoa á que lle caeron enriba os cristais dunhas fiestras rotas, na rúa Roupeiro. Unha persoa particular chamou á central do 112 ás 16:45 horas para explicar o ocorrido. Segundo detallou, os cristais víronse abaixo por mor do vento.

Á mesma hora e tamén en Vigo, o vento tiraba un valado que pechaba unha parcela. Ocorreu en Coruxo, segundo explicou outra persoa particular ao 112 Galicia.

Árbores nas estradas
A caída de árbores ou pólas condicionaron a circulación en numerosos puntos da rede viaria galega. Entre outros, cabe salientar a caída dunha póla na A-6, no quilómetro 590, no carril dereito en sentido Madrid. Varias persoas alertaban da situación ao 112 contra as 17:00 horas.

En Santiago mentres, a caída dunha árbore nunha vía de servizo en Conxo, provocou danos en varios coches que estaban estacionados á beira da calzada, obrigando tamén ao corte do carril. Tamén na capital, outra árbore provocou o corte da AC-462 ás 17:30 horas, na zona de Berdía.