Escuchar

Trasladada unha persoa despois de saírse da vía co seu vehículo na Laracha

Unha persoa resultou ferida ao saírse da vía e dar unha volta de campá co seu vehículo na Laracha. A vítima foi trasladada por Urxencias Médicas ao hospital da Coruña. O accidente ocorreu na DP-2404, no lugar da Ribeiriña. Un particular alertaba do acontecido ao 112 Galicia ás 14:30 horas. Indicaba, no seu relato, que a persoa accidentada sufría unha crise nerviosa.

Decontado, dende o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasábase o aviso a Urxencias Médicas, á Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros de Carballo.

Accidente cun tractor
Por outra banda, unha muller resultaba ferida esta tarde ao sufrir un accidente cun tractor na súa vivenda en Cerceda. O marido da vítima, que manexaba o vehículo, esmagou fortuitamente co tractor á vítima contra unha parede. Os feitos tiveron lugar na Vila da Iglesia. Un familiar da muller daba a voz de alarma ao 112 Galicia ás 18:08 horas.

A partir de aí, dende o CAE 112 Galicia informábase do acontecido a Urxencias Médicas, á Garda Civil e á Policía Local.

 

Arde unha casa deshabitada en Meaño

Un incendio declarado nunha vivenda deshabitada en Meaño deixa danos materiais no seu interior. O inmoble, situado no lugar de Tanoira, atopábase en reformas. Arderon unha neveira e varios materiais. O fume afectou tamén ao baixo da casa, onde o particular tiña un taller.

O 112 Galicia recibía a alerta dun particular ás 14:15 horas. Nese momento, o persoal do CAE 112 Galicia poñía a situación en coñecemento dos Bombeiros do Salnés, Garda Civil e GES de Sanxenxo. Os servizos de emerxencias sufocaron o lume e levaron a cabo tarefas de ventilación.