Escuchar

Dous operarios, intoxicados por monóxido en Mazaricos

Dous traballadores resultaron intoxicados esta tarde por monóxido en Mazaricos. Os feitos ocorreron no aeródromo da Fervenza. Os operarios atopábanse cortando materiais cunha máquina cando o aparello comezou a botar moito fume.

Debido á grave intoxicación dos traballadores, o 061-Urxencias sanitarias mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Santiago ata o lugar. Foi o persoal sanitario quen daba a voz de alarma ao 112 Galicia ás 17:30 horas.

Nese momento, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia informábase do ocorrido á Garda Civil, a Protección Civil e aos Bombeiros de Santa Comba.

Finalmente, os dous traballadores foron trasladados a un centro hospitalario, un deles na aeronave e o outro operario nunha ambulancia.

 

Unha muller ferida ao saírse da vía co seu coche en Boqueixón

Unha muller resultou ferida esta tarde ao saírse da vía o turismo no que viaxaba en Boqueixón. O accidente ocorreu na estrada que une Rodiño Pequeno e o aeroporto, no lugar de Agra.

O 112 Galicia tivo constancia do sinistro a través do aviso dun particular ás 13:40 horas. Indicaba no seu relato que o vehículo caera por un terraplén, pero sinalaba que se podía acceder ao coche con facilidade. Engadía que a porta estaba aberta e a muller atopábase accesible.

Con estes datos, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasaba o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil.

Colisión múltiple
Por outra banda, na Coruña, unha colisión na que se viron implicados tres turismos saldouse cunha persoa ferida. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a vítima tivo que ser trasladada ao hospital Quirón.

O accidente tivo lugar na entrada do Polígono de Pocomaco. Foi o persoal do 061-Urxencias Sanitarias quen alertaba do ocorrido ao 112 Galicia ás 16:20 horas.

Acto seguido, dende o CIAE puxéronse os feitos en coñecemento da Policía Local, dos Bombeiros da Coruña e de Protección Civil.

Atropelo a unha nena
Unha nena resultaba ferida leve ao ser atropelada en Vilanova de Arousa. Os feitos producíronse nas Sinas, na recta do peirao de Coron.

Un particular contactaba co 112 Galicia ás 15:00 horas para dar conta do ocorrido.

De inmediato, dende o CIAE informouse do acontecido ao 061-Urxencias Sanitarias, á Policía Local, aos Bombeiros de Vilagarcía e a Protección Civil.