Escuchar
martes, 8 Maio, 2018

O incendio que arrasou unha nave industrial e afectou a outras dúas no Polígono Industrial de Caldas de Reis, en Saiar, quedou totalmente extinguido. Os servizos de emerxencias, que continuaron coas labores de extinción ata as primeiras horas desta tarde, deron por finalizada a súa intervención despois de sufocar o lume, retirar os cascallos e arrefriar a zona.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, ningunha persoa resultou ferida nin se produciron danos ambientais, aínda que, o Servizo de GardaCostas de Galicia activou, en fase de alerta, o Plan Camgal para evitar que procedentes da extinción afectasen ao río Umia.

O Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias colaborou durante toda a noite nas tarefas de extinción. Así, un camión gran nodriza do GALI apoiou, no suministro de auga, aos servizos de emerxencias alí desprazados. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, O GALI empregou un total de 80.000 litros de auga durante a súa intervención.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia  recibiu a alerta do incendio a través da chamada dunha persoa particular, ao fío das 00:00 da pasada madrugada.

A partir de aí, o persoal do CIAE puxo en marcha un operativo no que participaron, ademais dos Bombeiros do Salnés, do Morrazo, do Baixo Miño, de Pontevedra e o GALI, os membros do GES e de Protección Civil dos concellos de Caldas, A Estrada e Padrón. A intervención dos axentes da Garda Civil e da Policía Local tamén foi requirida polo 112 Galicia. Ademais, unha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias se desprazou ata o lugar,  por se fose precisa a súa intervención nalgún momento. Do mesmo xeito, informouse da situación ao persoal do servizo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e ao Servizo de GardaCostas de Galicia.

A primeira hora desta mañá, efectivos de Protección Civil de Caldas indicaban ao 112 Galicia que non atoparan residuos no río,  nin tampouco restos da auga empregada na extinción nos sumidoiros.