Escuchar
venres, 19 Outubro, 2018

Un home resultou ferido despois de envorcar o camión que conducía na localidade ourensá de Viana do Bolo. Ademais, ao envorcar, o condutor quedou atrapado no interior do vehículo.

O home, circulaba –neses intres-  pola estrada OU-533, ao seu paso pola parroquia de Pradocabalos, cando o vehículo lle fixo a tesoira e terminou envorcado.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do suceso sobre as 18:30 horas desta tarde, grazas á chamada dunha persoa particular que indicaba que un camión –que transporta alpacas- fixera a tesoira e o condutor non podía saír do interior do vehículo.

Con estes datos, dende o 112 Galicia informouse ao 061-Urxencias Sanitarias e aos membros do GES da Gudiña, que se desprazaron ao punto co equipo de excarceración. Ao mesmo tempo, persoal sanitario comunicaba ao 112 que o helicóptero medicalizado con base en Ourense se dirixía ao punto.

Os xestores do CIAE tamén informaron aos Bombeiros de Verín e, ademais,  solicitaron a colaboración dos axentes de Tráfico, da Policía Local e a do persoal do servizo de mantemento da estrada.

Nestes intres, os servizos de emerxencias atópanse traballando no lugar dos feitos.