Escuchar

O día anterior á apertura de portas do recinto Monte do Gozo, o Grupo de Apoio Loxístico e Intervención da AXEGA instalou un sistema de vídeo vixilancia de última xeración que permite un control case total do recinto e o seu perímetro a través do camión de axuda á coordinación da Xunta de Galicia .

A toma de decisións para a resolución das posibles incidencias que se poidan producir recae en Garda Civil, Corpo Nacional de Policía, Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento do Concello de Santiago, Protección Civil e seguridade privada, organización e dispositivo sanitario do evento. Todos eles apoian as súas decisións, para a resolución das posibles incidencias que se poidan producir, na información achegada polos sistemas tecnolóxicos desprazados no camión da Xunta de Galicia de axuda á coordinación, despregado para a ocasión.

A constitución dun Posto de Mando Avanzado, no interior do vehículo, non é allea aos servizos de emerxencias e seguridade, xa que estivo presente nos grandes accidentes e emerxencias que tiveron lugar na nosa Comunidade, como os accidentes de tren da curva da Grandeira- Angrois e Porriño, a recente explosión pirotécnica ocorrida en Tui o pasado mes de maio, ou servizos preventivos como ao que agora se lle presta cobertura.