Escuchar
luns, 15 Outubro, 2018

Unha persoa resultou ferida en Caldas de Reis despois de saírse da vía co seu vehículo cando se incorporaba  á  AP-9, no punto quilométrico 110,  dirección Santiago.

O condutor tivo que ser, ademais, excarcerado polos Bombeiros de Vilagarcía, tras quedar atrapado no interior do vehículo ao chocar contra a mediana da Autoestrada. Unha vez liberado, foi evacuado nunha ambulancia do 061 que o trasladou ao centro hospitalario de referencia.

Ata o lugar desprazáronse ademais dos servizos sanitarios e dos Bombeiros, os axentes de Tráfico, da Policía Local e os efectivos do GES de Valga e de Protección Civil da localidade. 

O CIAE foi alertado deste accidente sobre as 23:30 horas da noite de onte. 

Coche incendiado en Moaña
Por outra banda, os Bombeiros do Morrazo apagaron esta madrugada as lapas dun coche que se incendiou, tras chocar contra a esquina dunha vivenda e o portal do garaxe da mesma. Segundo o seu relato, tratouse dun incendio considerable, que ademais de resultar o turismo totalmente calcinado, o lume, danou o portal do inmoble.  

Sobre as 04:00 horas desta noite, unha persoa particular informaba do acontecido ao 112 Galicia. Indicaba que vía un coche en chamas pero non sabía si había xente afectada.

Así, decontado, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (112 Galicia) púxose en alerta ao 061-Urxencias Sanitarias e aos Bomberos do Morrazo. Tamén, se solicitou a colaboración dos axentes da Garda Civil e da Policía local e informouse aos Bombeiros de Vigo. Así mesmo, requiriuse a intervención do persoal de mantemento para a limpeza da vía onde ocorreron os feitos, a PO-551, punto quilométrico 32.600.

No CIAE non consta a existencia de persoas afectadas.