Non esquezas o pucho nin a bufanda

moito frio

Para combater o frío, recomendámosche que botes man de puchos e bufandas. É mellor abrigarse con moitas prendas lixeiras e folgadas que con outras axustadas. Deste xeito, garantimos que o aire circule e actúe de illante. Se, pola contra, vas quedar na casa, lembra que o uso de estufas de gas ou carbón en habitacións sen a ventilación axeitada poden ocasionar asfixia. Presta especial atención ás zonas sombrías, onde dá pouco ou nada o sol pode haber placas de xeo. 

Ademais, segue estas recomendacións que che ofrecemos dende o 112 Galicia: 

 

  • Presta especial atención ás persoas maiores, nenos, enfermos e indixentes. As persoas de avanzada idade deben ter reservas da medicación que tomen acotío. Aquelas que padezan do corazón que prescindan de saír á rúa, este frío é unha tensión extra para eles nada aconsellable
     
  • Se o precisaras, lembra que podes pedir a Protección Civil e aos servizos sociais información sobre os refuxios temporais ou centros de asistencia
 
 
Na casa:
 
  • Revisa os tellados e baixadas de auga, os peches das ventás e as portas en contacto co exterior
     
  • Ten sempre a man velas, lanternas con pilas de reposto, estufa e cociña de cámping
     
  • Desconecta os aparatos eléctricos que non sexan necesarios
     
  •  Procura que as estufas de carbón, eléctricas e de gas estean afastadas de cortinas
     
  • Mantén unha billa lixeiramente aberta co fin de evitar roturas por conxelación das canalizacións
 
Se tes que desprazarte:
 
  • Evita a viaxe en coche sempre que non sexa imprescindible. Utiliza o transporte público
     
  • Se a viaxe é inevitable, procura non facelo só e revisa o teu coche a fondo antes de saír: freos, pneumáticos, sistema de iluminación, líquido anticonxelante, buxías.
     
  • Circula con precaución, non frees en zonas xeadas nin fagas cambios bruscos de dirección. Frea suavemente e con leves e sucesivas pisadas ao pedal
     
  • Non circules nunca en punto morto
     
  • Infórmate da situación meteorolóxica e do estado das estradas na zona á que te dirixas, por exemplo, consultando o mapa da DXT
     
  • Evita conducir de noite, os perigos son máis difíciles de detectar
     
  • Leva no coche radio, pa, corda, unha lanterna, un teléfono móbil e roupa de abrigo. Tamén algún alimento rico en calorías (chocolate, froitos secos...)
     
  • Comproba que o depósito de gasolina estea cheo, repoñendo cada 100 quilómetros