Escuchar
mércores, 23 Maio, 2018

Unha persoa faleceu esta madrugada despois de sufrir un accidente co vehículo que conducía en Coristanco.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o sinistro produciuse na AC-552, á entrada da vila coruñesa, arredor das 3:30 horas da madrugada, cando o turismo que manexaba a vítima saíuse da vía e bateu contra unha árbore. Como consecuencia do impacto, o condutor quedou, ademais, atrapado no interior do vehículo, polo que foi necesario empregar os equipos de excarceración.

Este operativo activouse despois de recibir no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia a chamada de alerta dos bombeiros de Carballo, que se desprazaban ao lugar do accidente para liberar á vítima. Deseguido, os xestores do 112 avisaron aos membros do GES de Ponteceso e aos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias, que se sumaron ás tarefas de rescate xunto cos axentes da Garda Civil de Tráfico. Con todo, nada puideron facer por salvar a vida do ocupante do vehículo.

Saída de vía en Arteixo
Tamén na AC-552, pero na localidade de Arteixo, rexistrouse onte outro accidente de tráfico no que resultou ferido un home. Segundo explicaron os efectivos de emerxencias, o vehículo envorcou despois de saírse da vía ao paso por Vilarrodís, nunha zona de curvas.

Pese ao impacto, a persoa estaba liberada e accesible, polo que os bombeiros de Arteixo descataron intervir. Iso si, o condutor necesitou asistencia médica e mesmo foi trasladado ao Hospital Modelo da Coruña nunha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias.

Foron varios os particulares que chamaron ao 112 Galicia para informar do suceso cando faltaba un cuarto de hora para as dez da noite pasada.