Perde a vida un motorista en Vigo | Axega

Escuchar
xoves, 19 Xullo, 2018

Un motorista faleceu esta noite en Vigo despois de saírse da vía o vehículo que conducía na Rúa Arquitecto Antonio Palacios.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o sinistro mortal produciuse pasada a medianoite na zona de Castrelos e alí acudiron os bombeiros da cidade para a excarceración da vítima, que quedou atrapada tras bater contra un muro. Ademais dos efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento, desprazouse un equipo do 061-Urxencias Sanitarias, que, pouco despois, confirmaban o falecemento do motorista.

Igualmente, os servizos de emerxencias contaron co apoio da forza de seguridade local. 

Dúas persoas feridas en Tomiño
Ademais, preto das catro da madrugada, o 112 Galicia tivo coñecemento doutro accidente de tráfico no Baixo Miño, concretamente na recta de Forcadela, en Tomiño, onde dúas persoas resultaron feridas tras saírse da calzada o vehículo no que viaxaban. Para a atención dos feridos, desprazouse ao punto unha dotación do 061-Urxencias Sanitarias, así como unha patrulla da Garda Civil de Tráfico.