Escuchar
venres, 14 Setembro, 2018

Un home duns sesenta anos faleceu onte tras producirse unha colisión frontal entre dous turismos na N-640, entre o Polígono Industrial e o centro urbano de Chantada.

Ademais, no accidente resultou ferida outra persoa, a ocupante do outro vehículo implicado, que foi evacuada ao centro hospitalario de referencia.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o sinistro rexistrouse ás 21:30 horas de onte, cando os dous coches bateron de fronte e a vítima mortal quedou atrapada. Por iso, desde o 112 Galicia, solicitouse a intervención dos Bombeiros de Chantada para liberar ao home, pero nada se puido facer por salvarlle a vida. 

Ademais dos efectivos do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Chantada, ao lugar do accidente acudiron os servizos sanitarios de urxencia, que só puideron confirmar o falecemento do home e trasladaron á ocupante do outro turismo para sometela a un recoñecemento médico.

Por outra banda, desde o 112 Galicia, pediuse a colaboración do persoal de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento con fin de retirar os restos que quedaron do accidente e restablecer as condicións de seguridade na vía.