Escuchar
domingo, 24 Xuño, 2018

Un bañista foi localizado inconsciente flotando na auga da Praia das Delicias, en Sada.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do suceso ás catro desta tarde a través das chamadas doutros bañistas que se decataron dunha persoa que flotaba na auga. Unha vez fóra, a persoa foi atendida por un equipo do 061-Urxencias Sanitarias, que lograron reanimala para ser trasladada ao Complexo Hospitalario da Coruña.

Ademais, neste operativo contouse coa colaboración dos axentes da Policía Local e Garda Civil, así como dos membros do Servizo Local de Emerxencias.

Menor evacuado con síntomas de afogamento en Antas de Ulla
Por outra banda, un menor foi evacuado esta tarde con síntomas de afogamento. Sucedeu ás 16:30 horas de hoxe na piscina municipal de Antas de Ulla. Un socorrista sacou ao cativo da auga e comezou a practicarlle as manobras de reanimación. Mentres, desde o 112 Galicia, pediuse a colaboración dos profesionais sanitarios, que acudiron ao lugar a bordo do helicóptero medicalizado con base en Ourense. 

Deste xeito, o cativo foi evacuado ao Complexo Hospitalario de Lugo para ser sometido a un recoñecemento médico logo de recuperar a consciencia.