Escuchar
venres, 9 Novembro, 2018

Un bebé de 11 meses foi trasladado, por precaución, ata o Centro de Saúde de Bertamiráns debido ao fume que provocou unha prancha ao prender nunha peza de roupa.

O lume orixinado foi apagado coa axuda de extintores polos testemuñas que presenciaron o incendio na vivenda situada na Avenida da Mahía, en Bertamiráns, no concello coruñés de Ames. Así o explicaron os membros do GES de Brión, que acudiron ao lugar nada mais ser alertados polo 112 Galicia.

Ao fío das 20:30 horas da noite pasada, unha persoa particular informaba dun incendio na casa dunha veciña, a causa dunha prancha que quedara acesa. Aseguraba que non había persoas feridas pero que a dona trataba de apagar o lume con extintores. Ademais,  había un bebé no interior da vivenda.

A partir de aí, os xestores do 112 Galicia alertaron decontado aos membros do GES que nada mais chegar e aínda que o lume xa fora apagado, solicitaron, por precaución,  asistencia sanitaria para o bebé, debido ao fume que provocara o incendio en toda a casa.

Ademais de alertar ao GES de Brión, dende o 112 Galicia informouse do acontecido aos Bombeiros de Boiro e de Santiago e á Policía Local.